O INLUDES achega máis de 41.000 euros á promoción dos festexos gastronómicos na provincia
– A Vicepresidenta Segunda e o Alcalde de Foz presentan a VIII Festa do Berberecho, que acolle dita localidade a vindeira fin de semana, e na que se degustarán máis de 3.000 quilos deste molusco
– Gómez Besteiro inaugurará a xornada coa lectura do pregón que terá lugar o sábado, ás 12:00 horas, na explanada do Porto
– A Deputación colabora con esta iniciativa ó igual que 49 hostaleiros focenses que servirán distintos pratos elaborados con este produto
– O Alcalde anuncia que o Lugo Emprega permitirá a contratación de 20 desempregados en Foz e adianta os traballos ós que se destinarán
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Alcalde de Foz, José María García Rivera, presentaron este mércores no Pazo de San Marcos a VIII Festa de Berberecho que celebra dita localidade a vindeira fin de semana, 15 e 16 de xaneiro. O organismo provincial colabora con esta iniciativa dentro da aposta polo medioambiente, “a nosa oportunidade económica”. Lara Méndez destacou que “o impulso desta iniciativa é unha maneira de xerar riqueza na provincia mediante a promoción dos nosos produtos. Por iso, dende o INLUDES investimos este ano máis de 41.000 euros para potenciar festexos gastronómicos coma este”.
O Institución Lucense de Desenvolvemento Económico e Social achega concretamente 41.700 euros dentro do Plan Estratéxico de Subvencións para 2011 á organización de acontecementos como a Feira do Grelo de Abadín, a de produtos ecolóxicos da Fundación Expomar, a Festa da Empanada de Chantada ou a do Mel de Lugo.
O Presidente, pregoeiro
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, será o encargado de inaugurar a oitava edición da Festa do Berberecho coa lectura do pregón que ofrecerá o sábado, ás 12:00 horas, diante do recinto feiral, na explanada do Porto de Foz. O rexedor focense subliñou “que se trata dun pregón máis que merecido porque foi unha das persoas que máis nos axudou neste Concello nestes últimos catro anos”.
Durante dous días, poderanse desgustar distintos pratos elaborados con este molusco. Deste xeito, 50 hostaleiros do municipio ofrecerán tortilla e empanada de berberechos. En total, poranse a venda máis de 3.000 quilos que serán elaborados de distintas formas: con salsa mariñeira, ó estilo focega e ó vapor con limón. Ademais, este ano logo da presenza na anterior edición do Presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, incorpórase a receita “berberecho con salsa verde e aroma de anchoas do Cantábrico”. Asimesmo, porase a disposición dos celíacos un pan especial.
Tal e como indicou o Alcalde, fletaranse autobuses de Santurce, Lugo e Laredo. A organización, que non descarta a presenza do dirixente cántabro, agarda que só o sábado unhas 6.000 persoas participen na cita gastronómica. A cunca de berberecho venderase a 3 euros.
Colaboración da Deputación
García Rivera agradeceu a colaboración da Deputación para o desenvolvemento da cita gastronómica, xa que nesta edición a Xunta de Galicia recortou nun 90% a subvención que destinaba o anterior goberno bipartito. “Non sei por que a Delegación da Consellería de Pesca antes nos daba antes 12.000 euros e agora só 1.725. Non o chegamos a comprender que dun plumazo nos quiten o 90% de subvención porque se trata dunha festa á que acuden moitas persoas e coa que recuperamos unha tradición. Para eles é máis importante por exemplo facer o Gaiás. Pola contra, a Deputación apostou fortemente”.
Lugo Emprega contratará a 20 desempregados en Foz
O Alcalde tamén amosou a satisfacción polo Plan Lugo Emprega, co que o organismo provincial freará o desemprego na provincia dando traballo a 711 parados. En total, no municipio mariñano contrataranse a 20 demandantes de emprego. “Cando vin que o Presidente e o equipo de goberno se decidiu a facer este Plan o primeiro que pensei foi: creo que van moi acertados os cartos. É unha das mellores ideas que tivo esta Deputación ó longo destes catro anos, xa que creou unha grande expectación e suscitou o interese entre a cidadaní porque o emprego é o principal problema que ten este país”.
Asimesmo, criticou a desidia coa que está a actuar o goberno autonómico ó respecto, xa que é a administración que ten competencias directas nesta materia. “É tremendo que unha Deputación ou un Concello teñan que facer un plan de emprego. Eu pregúntome onde está a Xunta de Galicia. O certo é que nin está nin se lle espera. É tremendo ver como son incapaces de montar unha iniciativa semellante. Iso sí, tiñamos concedidos polo goberno anterior 15 socorristas e agora baixaron a 5, de 20 limpiadores de praias dannos 9. O que fan é reducir e reducir no emprego cando realmente o que tiñan que facer era aumentar, aumentar e aumentar”.
O Alcalde explicou que os contratados destinaranse a diversas actuacións. Crearase un grupo de emerxencias, formado por 7 efectivos, para que atendan calquera incidiencia que poida xurdir no municipio. Outros destinaranse ó mantemento de áreas recreativas e da Rede Natura. Ademais e grazas ó Lugo Emprega, Foz aumentará a atención a domicilio e ó mantemento da a sala de exposicións do CENIMA.