Nota de prensa
O IES MONTE CASTELO E O BURELA FS RENOVAN O SEU COMPROMISO EN PROL DA ACTIVIDADE DEPORTIVA
O CD Burela Pescados Rubén e o IES Monte Castelo reafirmaron a semana pasada o apoio recíproco que veñen manifestando dende a fundación da entidade laranxa, en 2001, a través do traballo conxunto pola potenciación e consolidación da actividade deportiva. O director xeral do club, José Luis Sáez, recibiu na sede burelista o vicedirector do centro e coordinador do ciclo de Actividades Físicas e Deportivas, Alfonso Iglesias, para selar a continuidade do convenio.
As axudas prestadas polo club burelao ao instituto céntranse na organización de charlas educativas e conferencias relacionadas coa sáude e a práctica deportiva, así como na promoción da aprendizaxe permanente da Aula Mentor. Por outro lado, o Burela FS tamén colabora no desenvolvemento das capacidades formativas do ciclo superior de Actividades Físicas e Deportivas dende 2009; deste xeito, a entidade laranxa acollerá a dous alumnos/as para realizar as súas prácticas a partir de primavera. Pola súa banda, o IES Monte Castelo deixa á disposición da entidade laranxa a loxística do centro, ademais de participar en actividades das categorías de base como o Campus Internacional Mixto.