Site icon Crónica3.com A Mariña

O director xeral de Sostibilidade di que o POL está baseado en principios de desenvolvemento sostible

Nota de prensa:
Manuel Borobio indica no campus de Lugo que o Plan de Ordenación do Litoral está baseado nos principios de desenvolvemento sostible

*
O director xeral de Sostibilidade e Paisaxe foi invitado ao Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio para pronunciar unha conferencia sobre Ordenación do Territorio Sostible
*
A entrada en vigor do POL, que foi aprobado provisionalmente o 30 decembro, só agarda polo informe favorable do Ministerio de Medio Ambiente

Lugo, 17 de xaneiro de 2011.- Baixo o título “Ordenación do territorio sostible: Plan de ordenación do litoral”, o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Manuel Borobio Sanchiz, pronunciou unha conferencia esta tarde no campus de Lugo na que puxo de relevo que os principios que inspiraron a definición do modelo deste plan territorial integrado que tramita a Xunta son os mesmos que sustentan a Estratexia Europea de Desenvolvemento Sostible.

Durante a súa ponencia, enmarcada no Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio, Manuel Borobio destacou a necesidade de ter conta do territorio e do litoral en particular, posto que “é un recurso limitado”. Así, neste senso, explicou que “desde a análise e o desenvolvemento das dinámicas non sostibles nos últimos anos, faise un plan baseado nos principios de desenvolvemento sostible”.

O Máster en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio é unha acción formativa de carácter oficial que se imparte na Escola Politécnica Superior (Universidade de Santiago de Compostela, Campus de Lugo) por vez primeira no presente curso e que está impulsado por este centro en colaboración co Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader).

Traballo sobre o terreo
Tomando como base o territorio de Viveiro, o director xeral de Sostibilidade e Paisaxe levou a cabo unha minuciosa explicación sobre as motivacións e os criterios que rexen a delimitación do ámbito de aplicación, das diferentes unidades de paisaxe e de cada elemento posto en valor polo Plan de Ordenación do Litoral, que está a piques de acadar a súa aprobación definitiva. “O POL non responde a unha liña continua que delimita unha franxa homoxénea e arbitraria desde un despacho, nin remite a ningún número máxico”, asegurou Manuel Borobio. Así, o director xeral indicou que o Plan do litoral responde a un intenso e exhaustivo traballo sobre o terreo, realizado de forma indivualizada para axustar as determinacións a cada zona, a cada concello. “A costa de Galicia non é uniforme nin morfolóxica nin bioxeograficamente, aspectos que lle confiren un gran valor”, relatou.

O Plan de Ordenación do Litoral acadou a súa aprobación provisional o 30 de decembro, dúas semanas despois da levada a cabo coas DOT, cumprindo así o compromiso levado a cabo pola Xunta de Galicia en canto a prazos e acadando deste xeito que a planificación territorial deixe de ser unha materia pendente en Galicia. Con este importante trámite, o Goberno galego deixa feitos os seus deberes e queda a expensas do informe favorable da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, dependente do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño. Ese será o derradeiro chanzo para a entrada en vigor do POL, que será efectiva mediante decreto e publicación no DOG.

Exit mobile version