Site icon Crónica3.com A Mariña

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza visitou O Valadouro e Ourol

REFERENCIA

Rueda visita actuacións medioambientais nos concellos do Valadouro e Ourol sufragadas polo Fondo de Compensación Ambiental

O conselleiro destacou o compromiso do Goberno galego cos municipios, que por primeira vez participan dos beneficios das explotacións eólicas

Entre os dous concellos recibiron case 500.000 euros que adican a diversas actuacións relacionadas co medioambiente
Santiago, 12 de xaneiro de 2011.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, acompañado da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, fixo esta mañá unha visita institucional aos concellos do Valadouro e Ourol, na provincia de Lugo, co fin de comprobar as actuacións medioambientais levadas a cabo en ambos concellos grazas ao Fondo de Compensación Ambiental.

Este fondo posto en marcha polo Goberno galego, procede do canon eólico e por vez primeira permite aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. Anualmente, destínanse 21 millóns de euros a aqueles concellos que teñen instalacións eólicas, e que benefician sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia, coa conseguinte aposta polo reequilibrio territorial.

O Concello do Valadouro tense beneficiado na convocatoria de subvencións do fondo con case 200.000 euros que permiten levar a cabo a rexeneración da marxe dereita do río Ferreira e o acondicionamento da zona como paseo fluvial, área recreativa e dotación de servizos, tal e comprobou o conselleiro na súa visita. E o concello de Ourol recibiu case 300.000 euros, para o saneamento do núcleo, a potabilización da auga e a mellora da eficiencia enerxética no alumeado público.

Estes dous concellos son dous exemplos do que o Fondo de Compensación Ambiental representa, xa que grazas a esta iniciativa teñen levado a cabo importantes investimentos, que redundan na mellora e conservación do medio ambiente e na calidade de vida dos cidadáns, que se ven beneficiados así directamente polas explotacións eólicas.

Ademais, no ano 2010, grazas a este fondo a Xunta cedeulle aos concellos un total de 60 vehículos todoterreo para Protección Civil e outros 20 para Policía Local. En total, 80 concellos contan con novos vehículos todoterreos grazas ao canon eólico. A Xunta amosa o seu compromiso cos concellos e ao tempo tamén o seu compromiso co medio ambiente, xa que o fondo de compensación ambiental contribúe a reparar o impacto ambiental e paisaxístico derivado da instalación de parques eólicos e aplícase a actuacións globais destinadas a conservación, reposición e restauración do medio ambiente.

Exit mobile version