Nota de prensa:
En total foron catro os solicitantes e cada un deles recibirá unha subvención de 300 euros para sufragar os gastos ocasionados pola instalación de equipos de captación do sinal vía satélite nos seus fogares
O CONCELLO ENTREGA AXUDAS MUNICIPAIS AOS VECIÑOS DOS NÚCLEOS CON DIFICULTADES NA RECEPCIÓN DO SINAL DA TDT
* O Goberno local está negociando a cesión das instalacións municipais do monte Buio onde está o repetidor da TDT cos operadores de telecomunicacións e coa Secretaría Xeral de Medios para que sexan estes organismos quen xestionen esta infraestrutura e a cambio se comprometan a garantir unha mellor recepción das canles dixitais en todo o termo municipal
* O Concello leva meses xestionando diante das empresas de telefonía móbil a instalación de antenas emisoras neste repetidor do Buio para conseguir ampliar e mellorar a calidade de emisión do sinal de banda ancha na zona do rural
Cervo, 17 de xaneiro de 2011.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, fixo entrega este mediodía dos cheques de axuda aos veciños que se acolleron á subvención posta en marcha polo Concello o pasado mes de setembro para a instalación de receptores vía satélite naquelas vivendas do termo municipal que non poidan captar o sinal da TDT por vía terrestre e facilitar, deste xeito, a captación de dita sinal a través do sistema de difusión satélite.
En total foron catro as familias beneficiarias procedentes dos núcleos de Figueirido, O Paraño (Sargadelos) e Castelo. Cada unha delas recibiu unha axuda de 300 euros “que servirán para axudarlles a sufragar os gastos que lles supuxo ter que adquirir os equipos de recepción vía satélite” sinalou o rexedor cervense. Villares lembrou que Cervo é un dos poucos municipios da Mariña que artellou este tipo de axudas e recalcou que esta liña de subvencións tenta paliar a improvisación do Estado á hora de acometer o apagón analóxico sen ter antes garantida a recepción do sinal da TDT en todo o territorio nacional.
Negociacións para a cesión do repetidos do Buio
O alcalde avanzou que o Goberno local leva varios meses mantendo contactos cos operadores de telecomunicacións Avertis Telecom e Retegal (responsables da distribución do sinal da TDT) e tamén coa Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia para poder chegar a un acordo de cesión das instalacións das que dispón o Concello no monte O Buio (San Román) á Xunta de Galicia para que sexa ela quen as xestione “e así tentar mellorar máis aínda o sinal que se emite dende esas instalacións que na actualidade son de titularidade municipal”.
Banda ancha no rural
Paralelamente a estas negociacións Villares indicou que o Concello leva varios meses xestionando tamén diante das operadoras de telefonía móbil e da Secretaría Xeral de Modernización da Xunta de Galicia a montaxe da infraestrutura necesaria para a instalación de antenas emisoras destas compañías nas instalacións do monte Buio para mellorar deste xeito a cobertura e a captación do sinal de banda ancha nos núcleos rurais do municipio “sobre todo naquelas zonas do interior do noso concello e que na actualidade teñen dificultade para recibir o sinal de banda ancha e tamén de internet”.