Nota de prensa
A reducción da cota de pesca do lirio nun 93% restrinxea 15 días de mar a 16 parellas do arrastre da Mariña.
As novas restriccións á captura da cabala significan a perda de preto de 300 empregos en terra na Mariña.
O BNG considera que as reduccións de cota na cabala e no lirio aboca á flota e á industria a unha situación limite.
O Bloque Nacionalista Galego denunciou hoxe as graves consecuencias que para o conxunto do sector pesqueiro da Mariña vai ter a reducción das cotas de captura da cabala e de lirio, na medida que estamos diante dunha decisión que afecta ao total da flota da Comarca e tamén ao sector transformador vinculado na zona a estas dúas pesquerías.
Segundo informou Antonio Veiga “ o feito de que a Comisión Europea manteña para este ano a mesma cota de xarda que a fixada para o ano pasado ten uns resultados desastrosos, posto que afecta a totalidade das artes, de xeito moi particular ao cerco e ao arrastre. Non podemos esquecer que xa o ano pasado como consecuencia de reducir de 80.000 toneladas a 24.000 a cota da cabala, cota que este ano se reduce nun 8,98%, a costeira limitouse exactamente a un mes. Isto fainos concluír que a situación neste ano vai ser moi semellante e a campaña da cabala cuxo inicio está fixado para o 14 de Febreiro non se vai alongar moito máis alá do 14 de Marzo, cando en anos anteriores esta duraba arredor de tres meses o que significa a práctica paralización de boa parte da flora durante dous meses”. “Non se lle escapa a ninguén” continuou Veiga que “ a decisión vai agravar a difícil situación que atravesa e vai provocar un aumento de desemprego moi importante tanto no mar como en terra así como importantes perdas para o conxunto dunha flota nun momento económico duro”. Os nacionalistas indicaron que a este respecto xa solicitaron do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza que se a flota ten que parar, como consecuencia dunha decisión comunitaria da que é correponsábel a administración galega e española por non facer a presión suficiente diante da Comisión, débense poñer en marcha liñas de axuda para amortiguar os efectos desta decisión.
O Portavoz Comarcal do BNG referiuse tamén a situación que se crea no sector de transformación e da exportación do peixe que xurdiu na Mariña arredor desta pesqueiría e que fixo que a nosa Comarca se sitúe á cabeza do Cantábrico na transformación da cabala. Segundo os nacionalistas “ na campaña de 2009 as empresas que na nosa Comarca se adican a esta actividade transformaron arredor de 16.000 toneladas de Cabala, pouco menos da cota total que hoxe se lle asigna ao Estado, ocupando durante tres meses só nas labores de conxelado e fileteado nos diferentes centros de traballo que existen na Mariña a preto de 300 persoas. O ano pasado a actividade limitouse só a un mes, descendendo nun número importante a xente ocupada nesta actividade, algo que coas actuais perspectivas vaise manter. Non só estamos poñéndolle freo a unha industria cuxo nivel de facturación xa andaba por riba dos 40 millón de euros, unha industria que estaba nun proceso continuado de expansión, unha industria que destinaba a maioría do seu producto a exportación a mercados exteriores de países emerxentes e que polo tanto xogaba un importante papel no equilibrio do déficit comercial da zona, senón que vai ter unhas consecuencias en termos de emprego importantísimas”. Na mesma liña o BNG esixiu que se arbitrase algunha alternativa para a mesma, nunha dirección similar ao solicitado para o sector pesqueiro, posto que non é de recibo que esta reducción de cotas se fai nun momento en que curiosamente este segmento do complexo pesqueiro comezaba a competir co dos países nórdicos.
Os nacionalistas quixeron expresar a súa preocupación coa reducción da cota de lirio, una reducción do 93% en relación co anterior campaña, até o punto de que esta se limita a 824 toneladas a repartir entre as 93 embarcacións que compoñen o que queda da flota do arrastre litoral. Segundo Veiga “os 16 arrastreiros que ocupan a 240 persoas na Mariña e que se adicaban practicamente durante todo o ano a esta pesquería, con esta nova cota os seus días de mar limitaríase a 15 días. Non fai falta abondar máis nas terríbeis consecuencias en termos de emprego e o que é aínda máis grave, unha decisión deste tipo significa a morte da flota do arrastre litoral na Mariña, concretamente das parellas”