Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG esixe á Xunta e ao Concello que aclaren cal é o planeamento vixente en Foz

Nota de prensa:
Os nacionalistas esixen á Xunta e ao Concello que aclaren cal é o planeamento vixente en Foz

O POL aprobado provisionalmente segue sen recoñecer unha sola bolsa de solo de núcleo rural en Foz

Foz a 4 de xaneiro de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego fixo hoxe a súa primeira valoración sobre o Plano de Ordenación do Litoral tras proceder a Xunta á aprobación provisional do mesmo, como paso previo á definitiva a espera do informe sectorial que debe emitir a Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Medio Ambiente. Neste sentido Xoán Carlos González Basanta, Portavoz Municipal do BNG, afirmou que “a Xunta non introduce modificacións no documento referido a Foz, fundamentalmente naquelas cuestións que foron obxecto das nosas alegacións no referido a determinados ámbitos no solo de núcleo rural, e lonxe de solucionar un problema o que fan é aumentar a inseguridade xurídica posto que as zonas que agora se exclúen do ámbito do POL seguen a ser consideradas pola Consellaría como Solo Rústico, a pesar de que no planeamento vixente en Foz teñen a consideración de solo de núcleo rural”. “Este documento chega xa o absurdo da contradición posto que a cartografía do documento un mesmo sitio de Foz nun dos planos o delimita dun xeito e noutro plano o delimita de xeito diferente” recalcou Basanta que anunciou que demandará a convocatoria dunha Xunta de Portavoces do Concello de Foz a fin de que a Xunta aclare cal é a cartografía que debemos utilizar.

Os nacionalistas informaron que as áreas de solo de núcleo rural do Concello agás Cordido fican segundo o “Modelo de Xestión” do POL excluídos da súa aplicación, algo que non acontece con este núcleo nin tampouco cos urbanizábeis de Folgueiras e de “Tras as Torres-Llas”. Aínda así, segundo a cartografía do “Modelo Territorial” fixase unha delimitación para estas áreas distintas ao do “Modelo de Xestión”, que hipoteca o seu desenvolvemento futuro e o que é máis grave que na cartografía do Planeamento que acompaña o POL seguen a considerar todas estas bolsas como solo rústico o que impide calquera uso residencial.” A xogada da Xunta é clara e non resolve nada, posto que o único que pretende é adiar un conflito trasladando ao PXOM o problema da delimitación dos núcleos, que necesariamente se ten que adaptar ao POL, sendo de aplicación automática as disposicións do Pol no caso de que o Concello non faga isto no prazo de tres anos. En definitiva que nun e noutro caso o Goberno Galego limita os usos residenciais á vila” asegurou Basanta que lamentou que Xunta queira rirse de Foz pintando catro manchas brancas nunha das tres cartografías que se utiliza no POL.

O Portavoz do BNG de Foz demandou que “a Xunta de Galiza aclare dunha vez se fora da vila son posíbeis usos residenciais e se as vivendas que están alí edificadas atópanse a día de hoxe fora de ordenación, posto que segundo o POL isto é así na medida que non recoñece nin unha sola bolsa de solo de núcleo rural no Concello. Para entendernos, nin en Cangas, nin en Nois, nin en Fazouro, nin en Cordido, nin en San Martiño, nin en Vilaronte, é posíbel edificar”. “Ou Foz conta con solo de núcleo rural, como entendemos os grupos da Corporación, ou non como opina a Xunta de Galiza no POL” afirmou Basanta que considerou “impresentábel pretender, como pretende o Goberno Galego excluír unhas áreas do ámbito do POL que antes estaban incluídas, porén como se indica na normativa do POL, este non clasifica solo e polo tanto a clasificación do mesmo segue a ser rústico. Sendo o Conselleiro Hernández a autoridade competente en materia urbanística en Galiza non é explicábel, como a súa Consellaría utilice un planeamento distinto ao que utiliza o Concello de Foz. En definitiva a Xunta está a facer trampas ao solitario, pero aos veciños de Foz estas pódenos saír caras”. Na mesma liña os nacionalistas informaron que solicitaran que o Arquitecto Municipal e a Secretario do Concello aclaren cal é o Planeamento de aplicación no Concello de Foz.

Xa por últimos desde o BNG indicaron que no local da organización estará desde o Martes 4 de Xaneiro a exposición pública a cartografía do POL a fin de que os veciños poidan coñecer cal é a situación na que fica o Concello así como as diferentes áreas do mesmo. Neste sentido indicaron que no actual momento procedimental no que se atopa o POL non é posíbel facer ningunha alegación, xa que se vai proceder a súa aprobación definitiva. Aínda así, os nacionalistas volverán a insistir diante do Goberno Galego no tramite parlamentario para que se recollan as alegacións formuladas desde a Corporación focega.

Exit mobile version