Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Xove ve un “ridículo investimento real” no Orzamento para 2011

Nota de prensa:
O Bloque xovense ve un “ridículo investimento real” no Orzamento que aprobou o PP local para 2011

O Bloque Nacionalista Galego de Xove amosouse “preocupado” polo feito de que, dun orzamento total de 6.136.117 euros só se destine para investimento real un “ridículo” 6,32 %. “O Partido Popular de Xove decidiu baixar o gasto de persoal e subir os gastos correntes”, advertiron desde o BNG.

O candidato do Bloque á alcaldía de Xove, Marco López, analizou polo miúdo o novo presuposto aprobado para o ano que vén e observou a desaparición de iniciativas tan necesarias como o Obradoiro de Emprego ou a redución, en 155.000 euros, do Servizo de Axuda no Fogar. Esta política, segundo os nacionalistas, redunda en “menos servizos sociais e máis gasto improdutivo”.

Desde o Bloque xovense comprobaron que diminúe a partida orzamentaria destinada á reparación de estradas e camiños municipais nun 52,31%, redúcese o fomento do emprego un 57,94% e mingua o fomento do deporte un 7,19%. Sen embargo o gasto no apartado de Festas Populares e Festexos Varios non sofre alteración ningunha.

Marco López incidiu na importancia de que “os gastos correntes descendan aos niveis precisos” para lograr un investimento real acorde cun concello “con diñeiro” . No BNG están convencidos de que o que non hai son “ideas nin disposición”.

Exit mobile version