Nota de prensa:
COMUNICADO DE PRENSA DO BNG DE RIBADEO
Ante as críticas do candidato do PSOE á alcaldía ribadense
pola vaga de roubos ocorridos en Ribadeo e noutros concellos da Mariña
Acaso non rematou o señor Eduardo Gutiérrez de asumir que é o candidato do PSOE á alcaldía de Ribadeo? Ás veces semella que non. Desta volta demostrouno coas súas críticas a Fernando Suárez Barcia, alcalde de Ribadeo, pola vaga de roubos sufridos na zona.
Recoñecer, no mesmo comunicado, que estes roubos son unha fatalidade e, acto seguido, pedir responsabilidades políticas ao alcalde, é pouco serio. Que saibamos, nin o señor Rubalcaba, nin o señor Louro, nin o señor Vázquez Portomeñe, membros do goberno e do partido polo que o señor Gutiérrez se presenta, son o alcalde de Ribadeo.
Criticarlle a Suárez Barcia ter dado uns consellos prácticos e básicos ante esta situación, semellantes aos que recomenda o Ministerio do Interior, é inmaduro. Diralle o mesmo o señor Gutiérrez ao señor Vázquez Portomeñe, subdelegado do goberno, cando nos pide que tomemos precaucións?
Botarlle en cara ao alcalde de Ribadeo que incita á delación xeneralizada, cando solicita a colaboración cidadá para que se comunique calquera cousa estraña que se poida percibir, é demagóxico. Acaso tamén a señora Leire Pajín incita á delación cando nos lembra que podemos esixir o cumprimento da Lei Antitabaco?
En fin, como remate a tanto despropósito, o señor Eduardo Gutiérrez esíxelle a Fernando Suárez Barcia que estea caladiño e non faga nada, que deixe facer aos demais.
Pois ben: debe lembrar o señor Gutiérrez, por moito que lle podia doer, que Fernando Suárez Barcia foi elixido alcalde de Ribadeo hai catro anos encabezando a lista máis votada, a do BNG, nas anteriores eleccións municipais. Mentres que outros agardaron a ver se se ía queimando día tras día, el e os seus tres compañeiros do goberno municipal, sacaron adiante o Concello e nunca quedaron nin quietos nin calados, senón que souberon reclamar e xestionar o que por xustiza lle correspondía a Ribadeo. Lonxe de actitudes partidarias achegáronse a todas as administracións (fosen da cor política que fosen) e traballaron arreo para facer realidade moitos proxectos. Os logros aválanos. A outros semella que só lles queda destruír e criticar sen propoñer alternativas.