Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz presenta unha moción contra a suba da Luz, do gas e da auga

Nota de prensa

O BNG DE FOZ PRESENTA UNHA MOCIÓN EN CONTRA DA SUBA DA LUZ, DO GAS E DA AUGA

“Os gobernos do PSOE e do PP benefician ás grandes multinacionais da enerxía coas súas políticas mentres prexudican ós intereses dos galegos e galegas”

Foz, a 22 de Xaneiro de 2011.- O BNG de Foz presentará no próximo pleno unha moción para reclamar do Goberno do Estado que dea marcha atrás á subida da luz e gas así como modificar a actual Lei Eléctrica, de xeito que se clarifique o custo real da xeración de enerxía. Por outro lado, instar á Xunta de Galiza a modificar a Lei de Augas, de xeito que, de ningunha maneira, supoña un incremento da carga impositiva na situación actual de crise.

Para o BNG, a actual situación de crise económica está a provocar maiores dificultades económicas en moitos fogares galegos e, neste contexto, non se debe cargar ás economías familiares con subidas no custo dos seus consumos básicos. Xusto o contrario do que están a facer o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza.

O Goberno do PSOE continúa despregando a súa política antisocial, ao servizo da grande banca e, neste caso, das grandes eléctricas. A decisión de subir un 9,8 por cento o recibo da luz e en torno ao 4% o gas é un duro golpe para as economías máis modestas, isto é, para aqueles sectores sociais que xa están a sufrir as peores consecuencias da crise, que son os mesmos que non tiveron nada que ver coa xeración da crise, a mans dun Goberno que prometeu por activa e por pasiva que a factura da crise non a pagaría a maioría social.

A medida é especialmente lesiva para Galiza porque, ademais de termos menores salarios e pensións que o promedio do Estado, o 30% do incremento da suba débese, tal e como recoñeceu o propio Goberno do PSOE, á entrada en vigor do Decreto do Carbón. Ou sexa, que non só este Decreto vai representar a parálise das centrais térmicas galegas e a destrución de miles de postos de traballo, senón que aínda por enriba os consumidores galegos terán que financiar, vía incremento do prezo da electricidade, as perdas que esa parálise vai producir ás empresas eléctricas.

Somos así dobremente “pagáns”, porque pagamos a electricidade máis cara e porque as nosas centrais deixarán de producir por unha decisión política do Goberno do PSOE que, máis unha vez, antepón os intereses das concas mineiras de Asturias e León aos de Galiza. Unha decisión do Goberno do PSOE que en ningún caso foi contestada adecuadamente polo PP, que recentemente votou xunto co PSOE no Senado contra unha iniciativa do BNG para modificar o Decreto do Carbón.

Ademais, cómpre recordar que Galiza é produtora excedentaria de enerxía eléctrica, cun desenvolvido sector eólico e con produción hidráulica e térmica, que teñen un forte impacto ambiental no país. Non obstante, os beneficios para Galiza destas instalacións son máis ben escasos, ao non ter Galiza autonomía financeira e, xa que logo, recadarse de xeito centralizado os tributos, principalmente o de sociedades.

O Goberno do PSOE xustifica a medida na existencia dun déficit tarifario, isto é, no feito de que o recibo da luz supostamente non cubre os custos de produción. Este déficit é o resultado da aplicación dunha Lei Eléctrica irracional que só beneficia as grandes eléctricas. Con esta Lei, o prezo da enerxía non reflicte o custo real de produción con cada tecnoloxía (hidráulica, nuclear, gas natural, fuel, etc). É o kilovatio máis caro o que marca o prezo de todos os kilovatios, con independencia de canto custase a produción de cada un deles.

Así, o déficit existe por unha lexislación promovida en 1997 polo Goberno do PP de Aznar, que fai un uso ineficiente dos recursos, ao servizo do sector privado de xeración eléctrica. De feito, os beneficios das grandes eléctricas son hoxe maiores que cando se ligaba o prezo da enerxía ao custo real de produción de cada unha das tecnoloxías. Isto é o que explica que o prezo da electricidade sexa máis caro no Estado español que en estados da UE máis desenvolvidos, como Francia, Finlandia ou o Reino Unido.

O Goberno da Xunta de Galiza do PP segue esta mesma política de incrementar o custo dos servizos básicos para a cidadanía. Así, acaba de aprobar en solitario unha lei de augas que contén dous novos tributos, o canon da auga e o coeficiente de vertido, coa única intención de aumentar a recadación, a costa de familias e particulares. Xa no primeiro ano de aplicación destes dous novos tributos, a Xunta de Galiza, prevé duplicar a recadación prevista polo canon de saneamento para o ano 2011, cun incremento de preto de 35 millóns de euros. Unha persoa que viva soa e que teña un consumo medio, duns 3 m3. ao mes, verá como a carga tributaria do seu recibo da auga se incrementa en máis dun 363%; e unha familia de tres membros, con ese mesmo consumo por persoa, terá que soportar un incremento do 171%.

Desde o punto de vista do BNG, non hai política máis antisocial que incrementar o custo de servizos básicos nun contexto de forte crise económica, e por isto mesmo, opoñémonos á suba do prezo da electricidade, do gas e ás modificacións contempladas na Lei de Augas de Galiza, que incrementarán o custo da auga.

Exit mobile version