Nota de prensa:
NEVES CANDO ANUNCIOU QUE O BNG LEVARÁ AO PARLAMENTO GALEGO OS RETRASOS QUE ESTÁN A SOFRIR AS OBRAS DE ACCESO AO PORTO DE BURELA. E ASEGUROU QUE NON É DE RECIBO NIN TEN XUSTIFICACIÓN A SÚA PARALIZACIÓN.
Burela, 18 de xaneiro de 2011. A tenente de alcalde, Neves Cando, anunciou que o seu grupo levará ao parlamento galego os retrasos que están a sofrir as obras de acceso ao porto de Burela. A voceira municipal do BNG asegurou que a Xunta non ten previsto nin a curto nin a medio prazo a súa continuación e considera que non é de recibo nin ten xustificación a súa paralización.
Cando dixo que “o BNG enviou información ao noso grupo no parlamento galego para que plantexe unha pregunta ao Goberno sobre a situación da obra de acceso ao porto de Burela. Segundo as nosas informacións a Xunta ten agora mesmo paralizada esta obra e parece ser que non ten intención de continuala este ano”.
A edil nacionalista lembrou que “nos orzamentos presentados polo Goberno galego para este 2011 aparecía unha partida de 200.000 euros para continuar esta obra, que xa leva parada moito tempo. Sen embargo sabemos que se levarán a cabo traballos de retirada de material e peche das obras porque non está previsto nin a curto nin a medio prazo a continuación das mesmas”. Neves Cando asegurou que “isto é algo moi grave e preocupante non só para nós como goberno municipal senón para o sector do mar e en xeral para todo o pobo de Burela, que terá que agardar aínda máis por esta obra de acceso ao porto vital para a nosa economía e as nosas comunicacións interiores. Por iso plantexaremos no parlamento unha serie de preguntas sobre este asunto para saber cales son as intencións do Goberno co futuro desta obra. Non cremos que sexa por problema de cartos cando no pobo veciño de San Cibrao se vai facer un investimento de preto de 2 millóns de euros para construir unha goleta”.
Os nacionalistas queren coñecer “as previsións e o cronograma da Xunta para a continuación destas obras de acceso ao porto de Burela, porque non sería de recibo unha paralización das mesmas nestes momentos nin tería ningún tipo de xustificación”.