Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña apoia a folga xeral e chama a mobilizarse contra a suba das pensións

Nota de prensa

O BNG chama a mobilizarse contra a suba das pensións.

O BNG MARIÑAO APOIA A FOLGA XERAL DESTE XOVES CONTRA O RECORTE DAS PENSIÓNS E O AUMENTO DA IDADE DE XUBILACIÓN

Antonio Veiga advirte de que “o único obxectivo da reforma pactada por PP e PSOE é favorecer á banca e que a xente subscriba plans privados de pensións” e anima á sociedade galega a mobilizarse
Para Veiga so hai dúas opcións: resignarnos ou opoñernos a medidas que son inxustas
A Mariña, 25 de xaneiro de 2011. O BNG mariñao chamou á sociedade a mobilizarse apoiando a Folga Xeral convocada para o próximo xoves 27 de xaneiro contra a reforma das pensións e as constantes medidas antisociais que unha e outra vez fan pagar os pratos rotos desta crise a quen non a provocou. O Portavoz Comarcal Antonio Veiga convidou a apoiar masivamente a folga e chamou a participar da convocatoria de manifestación que sairá ás 12.00hrs do local da CIG de Burela na Rúa Arcadio Pardiñas 137 de Burela.

Os nacionalistas alertaron de que “estamos diante dunha nova agresión aos dereitos básicos dos cidadáns cun retallamento das pensións públicas que vai ter máis repercusión na Galiza, onde xa temos pensións máis baixas que no conxunto do Estado e onde hai un maior número de pensionistas”.

Ademais, o aumento da idade de xubilación aos 67 anos prexudicará especialmente á mocidade galega, que con case o 40% de paro, xa atopa moitas dificultades para lograr un emprego.

Neste sentido, Veiga denuncia que este recorte “está apoiado con maior ou menor disimulo polo PP” e atribúeo “a políticas ditadas polos amos das finanzas e, polo tanto, están dirixidas a seguir mantendo os seus beneficios pero non a solucionar ningún problema social nin a crise”.

“É unha reforma inxustificada e inxustificábel”

Ademais, o responsábel comarcal nacionalista subliña que “non hai maneira de xustificar tecnicamente a necesidade desta reforma das pensións”.

A este respecto lembrou que no 2010 “un ano co 20% de paro, porén a Seguridade Social segue a ter superávit”. “Entón, que escenario nos están tratando de visualizar os teóricos da defensa desta reforma? Do 50, do 60% de paro?” pregúntase.

Antonio Veiga, advertiu de que “non hai ningunha necesidade para seguir metendo puñaladas nas costas dos sectores máis débiles desta sociedade, e especialmente aos mozos e aos pensionistas”.

Coa reforma do Goberno as pensións futuras recortaríanse entre un 20 e un 25%

Pola contra, Veiga explica que a mellora e viabilidade da seguridade social “ten moito que ver cos salarios e co que cotizamos, coa incorporación da muller ao mercado laboral, co incremento do número de traballadores e redución do paro ou coa loita contra a economía en negro, pero non aumentar a idade de xubilación e rebaixar as pensións”, unha rebaixa que coa proposta do Goberno situaríase entre un 20 e un 25% menos.

“O único obxectivo da reforma é beneficiar á banca para que a xente se pase ás pensións privadas”

Neste sentido, o responsábel comarcal do BNG denunciou que “a reforma das pensións é algo que se monta baseado en falsidades e o único que persegue é rebaixar a contía das pensións”. “Quérese transmitir a idea de que o sistema público de pensións só garantirá unhas pensións mínimas e , polo tanto, para ter unha pensión digna, hai que aforrar e pagar pensións privadas” engade.

“E isto -advirte- só lle interesa á banca, e o Goberno do PSOE está totalmente condicionado pola banca”. Por todo isto, o BNG apoia a folga xeral convocada pola CIG para o vindeiro xoves en toda Galiza.

Exit mobile version