Nota de prensa:
O Arquitecto Municipal recoñece que se alterou de xeito ilegal o Planeamento en relación cos núcleos de Cangas, Fazouro e Vilaronte
Basanta asegura que Rivera non semella a persoa máis axeitada para dar lección de urbanismo e solicita a convocatoria da Xunta de Portavoces
Foz a 6 de xaneiro de 2011.- O Bloque Nacionalista Galego volveu a reiterar hoxe as súas criticas ao Plano de Ordenación do Litoral que ven de aprobar provisionalmente a Xunta de Galiza na medida que con este documento na man non son posíbeis usos residenciais tanto nos urbanizábeis da Vila como no solo de núcleo rural e fican centos de vivendas fora de ordenación ao mesmo tempo que saía ao paso das declaracións do Alcalde de Foz na medida de que as súa voz non parece a máis autorizada para falar de urbanismo se atendemos a súa traxectoria neste ámbito.
Xoán Carlos Basanta afirmou que “é un paso adiante que Rivera recoñeza agora, posto que este home non sabe conxugar o verbo rectificar, que o POL hipoteca os urbanizábeis de Tras as Torres-Llas e Folgueiras, tal como viñamos denunciando nós desde o avance do mesmo e algo que el negou de xeito reiterado”. Aínda así, o portavoz nacionalista lamentou que “por descoñecemento ou por motivacións menos confesábeis o rexedor focego siga tentando de confundir aos nosos veciños ao afirmar que o POL recoñece a existencia de solo de núcleo rural no Concello”. “Aquí como na maioría dos casos a verdade ten un único camiño e abonda con repasar a cartografía do POL, as tres cartografías que conforman o conxunto do documento, para rematar que no conxunto do Concello non se recoñece nin unha sola bolsa de solo de núcleo rural, producíndose unicamente a exclusión do ámbito do POL dunha serie de ámbitos do Concello”, recalcou Basanta quen afirmou que “a experiencia nos di que cando Rivera se pon a interpretar a normativa urbanística é para botarse a tremer. Non é serio que alguén utilice un anaco dun artigo da normativa do POL para dicir todo o contrario da que esta afirma”.
O Portavoz Nacionalista lembrou que “o Arquitecto Municipal en informe elaborado o 21 de abril de 2009 afirma que se procedeu a modificar o planeamento de xeito ilegal e facendo referencia a expresa a que varios dos núcleos recoñecidos sono sobre solo clasificado como urbanizable nas normas aprobadas en 1981, producindo unha modificación na clasificación do solo sen que se seguise o procedemento legalmente establecido para iso”. “Non poderá afirmar o Alcalde que descoñece este informe, pois el mesmo o enviou a Dirección Xeral de Urbanismo en Maio de 2009” continuou Basanta quen explicou que “no mesmo se fala que se atopan nesta situación o núcleo de Cangas por superporse ao SUB2 de prescrición de usos mixtos, o núcleo de Fazouro ao SUB3, 4 e 5 de prescrición residencial dispersa e ao sub 6 de prescrición industrial; o núcleo da Corredoira ao SUB 11 de prescrición residencial e o núcleo de Vilaronte ao SUB 10 e 12 de prescrición de usos mixtos”.
O Bloque Nacionalista Galego esixiu novamente que a Xunta de Galiza e o Concello de Foz teñen que explicarlle aos veciños cal é o planeamento de aplicación, isto é o planeamento que manexa o Concello ou que manexa a Xunta de Galiza, polo que insistiu que o Alcalde de Foz proceda a convocar esa Xunta de Portavoces urxente que veñen de demandar.”Non é críbel o que nos está dicindo Rivera de que Consellaría Medio Ambiente e Obras Publicas, máxima autoridade en Galiza en materia de urbanismo, utilice un planeamento que non se corresponde co vixente e menos aínda cando o máximo responsábel dos servizos urbanísticos do Concello lle ven dicindo o mesmo desde Abril de 2009” afirmou Basanta quen lamentou “ a falta absoluta de responsabilidade por parte do Goberno Local neste tema, até o punto de que as únicas alegacións que se lle fixeron ao documento foron as que elaborou o BNG, sendo o Alcalde o primeiro en afirmar que o POL non tiña incidencia en Foz, para considerar agora todo o contrario”.
Xa por último, Basanta considerou que “non parece Rivera a persoa máis axeitada para darlle a ninguén leccións en materia de urbanismo se atendemos a súa traxectoria neste tema, a pesar de ostentar esta responsabilidade na Corporación desde 1997. Sen referirnos máis que aos últimos catro anos abonda con lembrar que aconteceu con aquelas licencias que deu a altura de Marzo de 2006 e que foron anuladas por ilegais pola Xunta de Galiza fai neste mes precisamente catro anos, ou coa súas curiosas explicacións sobre o PXOM, nas que primeiro non se derrubaban vivendas e despois só algunhas, e poderíamos seguir con algunha sentencia que obra no Concello respecto a súa peculiar interpretación da Ordenanza Residencial Mixta. En definitiva a vista está en Foz a súa magnifica xestión neste ámbito”. Os nacionalistas afirmaron por último que a irresponsabilidade co que está a tratar este tema a Alcaldía vai levar a Foz a unha nova situación limite, no que a situación que provocou a anulación das licencias pola Xunta vai ser unha anécdota.