Nota de prensa:
O BNG DE CERVO PEDIU A MODIFICACIÓN DA DATA DO PLENO POR COINCIDIR COA FOLGA XERAL
A representación nacionalista non asistirá ao pleno por non querer cambiar o alcalde a data da sesión
A reforma das pensións pactada por PSOE e PP afecta especialmente á mocidade e postos a escoller mellor combatela que estar sentados nun pleno de mero trámite
Cervo, 26 de xaneiro de 2011. O BNG cervense escusou a súa ausencia do pleno ordinario que a corporación celebrará o vindeiro xoves 27 de xaneiro, día da Folga Xeral convocada polo sindicato nacionalista CIG. Os nacionalistas solicitaron na Comisión de Asuntos do Pleno o cambio de data da sesión por coincidir cunha folga xeral que o BNG apoia, e ao contrario do que sucedera na anterior convocatoria de setembro, nesta ocasión o alcalde negouse a modificala. Para o BNG postos a escoller, mellor combater na rúa as políticas regresivas en materia social e laboral executadas polo PSOE co silencio cómplice do PP que participar nun pleno de mero trámite onde o goberno municipal aplica o seu rodillo sen atender ningunha das iniciativas da oposición.
E mellor combater o desemprego e os recortes sociais na rúa que estar sentado nun pleno de trámite
Os nacionalistas cervenses anunciaron a súa ausencia do pleno que se celebrará o vindeiro xoves en Cervo no mesmo día en que está convocada a Folga Xeral en Galiza contra as políticas de recorte social impulsadas polo PSOE co silencio cómplice do PP. O portavoz municipal nacionalista, Xoán Estúa, explicou que “o goberno local non quixo modificar a data do pleno como se lle pediu” e escusou a súa ausencia do pleno porque “e mellor combater o desemprego e os recortes sociais na rúa que estar sentado nun pleno de trámite”. O nacionalista abundou nas razóns que levan ao BNG a apoiar esta folga “porque e evidente que non existen razóns técnicas nin económicas que xustifiquen o aumento da idade de xubilación aos 67 anos nin os anos de cotización”, moito mais no caso de Lugo “onde temos as pensións mais baixas do estado”. Estúa dixo que o único que se busca con esta medida “e a privatización do sistema de pensións para contentar aos mesmos que nos levaron a esta crise e que no canto de pagar as súas consecuencias aínda queren beneficiarse dela”.
A mocidade sairá especialmente prexudicada con esta contrarreforma.
Os nacionalistas fixeron especial fincapé nos efectos que a modificación do réxime de pensións terá na mocidade, “o incremento dos anos de cotización e a inestabilidade laboral fará que moitos mozos e mozas teñan moi difícil chegar a unha pensión digan no futuro”, e evidente que ao paso que vamos “imos deixar un mundo moito mais precario que o que temos na actualidade”. En Galiza emigraron nos últimos dous anos 60.000 persoas, “moitos deles mozos e mozas que no canto de vivir e traballar na súa terra tiveron que buscar o futuro noutro lugar como os seus avós” e isto non se pode consentir, moito menos en Lugo cun 35% de mozos e mozas no paro.
Aínda co 20% de paro hai superávit nas pensións xa que logo, onde está a quebra do sistema público?
Por último, Estúa subliñou que “e falsa a quebra do sistema público de pensións” eneste sentido afirmou que no ano 2010,“un ano co 20% de paro, a Seguridade Social segue a ter superávit”. “Entón, que escenario nos están tratando de visualizar os teóricos da defensa desta reforma? Do 50, do 60% de paro?” pregúntouse.