Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo pídelle a Fomento o arranxo da N-642 entre Porto e a Vilavella

Nota de prensa

FERNANDO SUÁREZ DEMÁNDALLE A FOMENTO O ARRANXO DA N-642 ENTRE PORTO E A VILAVELLA PARA EVITAR QUE SE REPITAN ACCIDENTES COMA O QUE SOFRÍA HAI UNS DÍAS UN AUTOBÚS DO TRANSPORTE ESCOLAR.

Ribadeo, 20 de xaneiro de 2011. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, demándalle a Fomento que arranxe a estrada N-642 entre Porto e a Vilavella para evitar que se repitan accidentes coma o que sofría hai uns días un autobús do transporte escolar.

O rexedor referíuse hoxe “a unha preocupación que está en boca de moitísima xente, sobre todo despois deste accidente sofrido por un microautobús escolar, que transportaba a 17 nenos, contra un turismo na N-642 entre Porto e Ribadeo, nesta estrada tan estropeada, tan desfeita desde hai tanto tempo e que desde hai tanto tempo levamos escoitando que están en redacción os proxectos, que logo vai ser, etc”. Fernando Suárez sinalou que “vimos como hai dous meses se reparou un tramo de kilómetro e pico para darlle algo que falar a algún paracaidista da política, pero a realidade é teimuda e a realidade é que moitísima xente está preocupada por cómo esta carretera se está a poñer cada día peor, chea de baches, perigosa e para mostra un botón. O outro día afortunamente non pasou nada, pero puido ocorrer unha auténtica desgracia e polos datos que eu teño para nada foi culpa de ningún dos vehículos nin da velocidade, senón do pésimo estado desta vía de comunicación de titularidade do Ministerio de Fomento, que ás veces está máis preocupado en facer algún anuncio de corte preelectoral que de resolver verdadeiramente os problemas”.

Suárez Barcia transmitíulle esa queixa ao xefe da Estradas en Lugo, “que sempre é amable e comprensivo, pero necesitamos máis que da comprensión que se amañe este vial. O treito que é municipal desde o Parador ata o encontro co acceso ao porto comercial foi arranxado estas semanas, pero precisamos que desde a Vilavella ata Porto se amañe dunha vez por todas e que se elimine esta inseguridade que o outro día estivo a piques de converterse nunha desgracia e que afortunamente non o foi. Non estamos libres de que dentro de pouco volvamos ter algo igual”.

Exit mobile version