Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo pide que a Xunta tome medidas polo derrubes do colexio das monxas

Nota de prensa

NOVO DESPLOME NO ANTIGO COLEXIO DAS MONXAS DE RIBADEO. O ALCALDE PÍDELLE Á XUNTA, COMO TITULAR QUE É DO INMOBLE, QUE TOME AS MEDIDAS OPORTUNAS PARA EVITAR O DERRUBAMENTO TOTAL DO EDIFICIO DESTINADO Á CREACIÓN DUN ALBERGUE DE PEREGRINOS.

Ribadeo, 21 de xaneiro de 2011. Nas últimas horas rexistrábase un novo desplome no antigo colexio das Monxas de Ribadeo, segundo explicaba hoxe o alcalde. Fernando Suárez pídelle á Xunta, como titular que é do inmoble, que tome as medidas oportunas para evitar o derrubamento total do edificio destinado á creación dun albergue de peregrinos.

O rexedor alertaba esta mañá “da situación tan perigosa na que se atopa o antigo colexio das monxas aquí na rúa Trinidade de Ribadeo, un edificio que conseguimos hai máis de dous anos que o Bispado Mondoñedo-Ferrol o cedese á Xunta para rehabilitalo e convertelo nun auténtico albergue de peregrinos. Despois de terse realizado o proxecto de rehabilitación, o único que queda é licitar esta importante obra para dar un servizo máis a Ribadeo e para recuperar un patrimonio arquitectónico impresionante, pero vemos que dous anos despois a obra está sen licitar e o edificio estáse a caer a pedazos”.

Suárez Barcia lembraba que “hai uns meses caeu unha parte da cuberta con gran estrondo e con gran susto para moitos veciños e viandantes que por alí pasaban naquel momento e hai dúas noites volveu acontecer o mesmo, presenciado por min mesmo. Ás oito da tarde atopándome nas inmediacións, preto da Torre dos Moreno, vin como unha parte desta cuberta se desprendeu e caeu e o que é máis perigoso é que o día menos pensando se desplome o resto, leve consigo as prantas que aínda están en pé, acabe coa fachada e chegue a lastimar a algún viandante que estea paseando ou transitando por alí”.

O alcalde é conscente “de que as circunstancias económicas non son as máis axeitadas, sei que a Xunta está colaborando estreitamente co Concello para resolver o tema da Torre dos Moreno, pero non pode mirar cara outro lado neste asunto porque é a titular dese edificio, do antigo colexio das monxas. A Xunta debe tomar as medidas oportunas para evitar unha catástrofe maior, si así o está a facer xunto co Concello na Torre dos Moreno, neste edificio que é da súa competencia debe facer o propio, porque senon imos ter que adoptar unha serie de medidas desde o Concello. Sería un pouco ridículo que Xunta e Concello esteamos nun inmoble tentando buscar conxuntamente unha solución como é o caso da Torre dos Moreno e que noutro inmoble o Concello tivese que advertirlle legalmente á Xunta que isto pode provocar unha situación de calamidade pública”.

Exit mobile version