Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela lamenta que a Xunta rescindise o contrato da empresa das obras de acceso ao porto

Nota de prensa:

ALFREDO LLANO LAMENTA QUE NON CONTINÚEN AS OBRAS DE ACCESO AO PORTO, XA QUE A XUNTA RESCINDIU O CONTRATO COA EMPRESA ADXUDICATARIA. E ADVIRTE QUE ESTA DECISIÓN OCASIONARÁ UN RETRASO DE VARIOS ANOS NO SEU REMATE.

Burela, 18 de xaneiro de 2011. O alcalde de Burela, Alfredo Llano, lamenta que non continúen as obras de acceso ao porto, xa que a Xunta decidiu rescindir o contrato coa empresa adxudicataria. Llano advirte que esta medida ocasionará un retraso de varios anos para esta importante obra para Burela. O rexedor fixo hoxe balance dos investimentos realizados polo goberno central e pola Deputación en Burela.

Llano destacou “as obras realizadas en Burela gracias ao plan E do goberno de España, fixemos moitas actuacións nos últimos meses relacionadas coa eliminación de barreiras arquitectónicas, co aforro enerxético e coa mellora da xestión electrónica nos concellos. E agora estamos a rematar os 18 proxectos que executaremos próximamente a través do plan complementario do extraordinario de obra pública da Deputación de Lugo. A semana pasada xa levei parte deses proxectos e outros irán estes días para que sexan licitados o antes posible e se poñan a andar. Hai un millón de euros para investir en Burela, estas obras ocasionarán unha mellora sustancial na nosa vila, en rúas, servizos e instalacións. En total entre o plan E do ano pasado e este investimento da Deputación son dous millóns de euros os que se están a investir en Burela e consideramos que tal e como están as cousas é unha boa noticia para o noso concello”.

O rexedor explicou que “nós tentamos conseguir o maior número de obras para Burela co obxectivo de que se asente coma un dos mellores concellos da comarca e da provincia de Lugo, e acabamos de enterarnos de que a Xunta rescindiu o contrato coa empresa que tiña que executar as obras de acceso ao porto, o que quere dicir que todo ese proxecto tardará en resolverse. Era unha obra moi importante para o desenvolvemento económico e social e esta medida provocará un retraso de varios anos, algo que indica o interés que ten a actual Xunta co noso concello. É moi preocupante e haberá que terllo en conta no futuro”.

Plan Lugo Emprega

O alcalde de Burela tamén se referiu ao plan Lugo Emprega, “estamos ultimando o número de empregos que imos crear gracias ao plan Lugo Emprega da Deputación de Lugo. Haberá prazas de xardineiría, albanelería, haberá pintores, soldadores, persoal para atención ao barco museo, turismo, mantemento das instalacións deportivas da Marosa e dos polideportivos, auxiliar administrativo e varias prazas polivalentes, tipo Grumir, ademáis de mantemento medio ambiental tanto nas praias como de apoio a Gaia”.

Llano sinalou que “temos aseguradas 22 prazas, pero queremos procurar naqueles casos como xardinería ou albanelería, por exemplo, facer algúns contratos a tempo parcial e en lugar de haber 4 poderíamos contar con 8 persoas, co que estas 22 prazas poderían chegar incluso a 30. As horas traballadas serían menos, pero debemos preocuparnos por empregar ao maior número de xente posible. Estarán traballando posiblemente a 1 de marzo, hai que facer a selección, abriremos o prazo de presentación de instancias a última semana deste mes, os exames serán na primeira quincena de febreiro e o proceso culminará hacia o 20 de febreiro”. O rexedor considera que “é unha boa noticia porque se trata de crear e fomentar o emprego e iso é o que estamos a promover desde o Concello de Burela para mellorar as condicións laborais dos nosos veciños”.

Exit mobile version