Nota de prensa
FEVE COMEZARÁ EN BREVE A REALIZAR OBRAS DE MELLORA NO EDIFICIO QUE ALBERGA AS ESTACIÓNS DO TREN E DE AUTOBUSES, SEGUNDO ANUNCIU HOXE ALFREDO LLANO.
Burela, 27 de xaneiro de 2011. O alcalde, Alfredo Llano, anunciou que Feve comezará en breve a realizar obras de mellora no edificio que alberga as estacións do tren e de autobuses. Os primeiros traballos consistirán na colocación dunha escaleira de acceso a esas instalacións desde a rúa Nosa Señora do Carme.
Llano lembrou que “na última visita que cursou a Burela o presidente de Feve, Angel Villalba, estivemos charlando de varias cuestións que nos preocupan como foi, por exemplo, o cambio de vía para apurar o acceso ao porto. Él informou daquela que por parte de Feve non habería problema, que se ían arranxar as cousas o antes posible, pero que estaba agardando a que lle pasaran o proxecto para saber que era o que ían facer. Agora xa se sabe que ese proxecto está paralizado, un tema que trataremos no pleno previsto para esta tarde no Concello”.
O rexedor engadiu que “naquel encontro tamén lle plantexei unha serie de melloras substanciais na estación do tren e de autobuses porque levaba moitos anos sen facerse ningún tipo de arranxo nin de mantemento. Entón él comprometéuse en levar para adiante as miñas peticións e agora estánse a cumprir. Unha das cuestións máis demandadas, que era a colocación dunha escaleira de acceso á estación desde a rúa Nosa Señora do Carme, xa se vai facer agora. E tamén se acometerá unha mellora integral do edificio que agrupa a estación de tren e de autobuses, vaise pintar e vaise substituir a cuberta. Serán uns traballos que lle darán unha nova categoría á nosa estación”. Alfredo Llano subliñou que “todas aquelas peticións que lle fixemos ao presidente de Feve estánse a realizar e serán unha realidade dentro de pouco”.
Obras da Deputación
O alcalde de Burela manifestou tamén hoxe que “as obras proxectadas a través dos fondos da Deputación están moi apuradas, xa hai quince días levei 10 proxectos e mañá, venres, levarei os oito restantes e calculo que en marzo poderán comezar a maior parte deses traballos”. Llano dixo que “reforzarán o noso concello en todos aqueles aspectos que preocupan aos veciños, unhas obras que tocan todos os ámbitos como o deportivo, o social, a mellora da seguridade vial, a eliminación dun tapón urbanístico, etc”.