Site icon Crónica3.com A Mariña

Non empezou ben o ano para o Panificadora del Eo-Ribadeo FSF que caeu derrotado na casa por 0-5

Nota de prensa

Ribadeo FSF 0-5 Funeraria Apóstol

O ano non empezou ben para o Panificadora del Eo-Ribadeo FSF, que caeu derrotado o sábado pasado, por 0-5, no partido adiantado correspondente á 18ª xornada de Autonómica ante o Funeraria Apóstol de Santiago.

As visitantes adiantáronse rapidamente con dous goles nos minutos 3 e 5. Posteriormente, no 12, as ribadenses encaixaron o terceiro nunha desafortunada xogada que acabou coa porteira local Carla lesionada.

Na segunda parte o Panificadora, con máis corazón que cabeza, puxo cerco á portería do Funeraria e así mantivo as santiaguesas pechadas durante 18 minutos. A entrega das xogadoras locais non foi recompensada no marcador e pagaron o esforzo realizado nos dous últimos minutos nos que as visitantes conseguiron o 0- 5 definitivo.

As ribadenses seguen sen atoparse coa boa finalización e aínda que os tantos encaixados non difiren dos de equipos situados na parte alta da clasificación, certo é que en goles a favor é o segundo equipo menos goleador.

O Funeraria, terceiro clasificado, demostrou en Ribadeo que pode ser un dos candidatos con opcións ao ascenso a Prata.

Provincial masculina. Con baixas importantes, o Ribadeo FS finaliza a primeira volta e perde en Viveiro a segunda praza ao caer derrotado por 3-1.

Provincial feminina. O Xoula-Ribadeo FS sumou tres novos puntos como local ao derrotar o Relúa-Xermade por 4-2 o domingo. O equipo mariñán é agora quinto, con 9 puntos.

Ficha técnica

Panificadora del Eo-Ribadeo FS: Carla, Eva, Marta, María e Fátima, cinco inicial; tamén xogaron Iria, Sabela, Elvira, Toñi, Yoli e Vanessa.

Funeraria Apóstol FS: Nerea, Belén (2), Montse, Alba e Tere (1), cinco inicial; tamén xogaron Ángela Nogueira (1), Antía (1), Mar, Ángela Otero e Cecilia.

Árbitros: José García Vila e Vanessa Fernández Fernández (anotador), da delegación lucense. Mostraron cartóns amarelos a Eva, Toñi e Vanessa, polas locais, e Nerea, Belén e Montse, polas visitantes.

Exit mobile version