Nota de prensa
Medio Ambiente defende a variante de Magazos, cun deseño funcional para o concello de Viveiro
* Manifesta que a Xunta considera fundamental un enlace intermedio no subtreito Viveiro Sur-Celeiro, para garantir a mobilidade e accesibilidade a todos os veciños
Santiago, 18 de xaneiro de 2011.- A Xunta de Galicia insiste en definir a variante de Magazos baixo un proxecto funcional para o concello de Viveiro. A Directora Xeral de Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Comisión de Veciños de Magazos, para analizar o axuste de trazado da Vía de Alta Capacidade do treito O Barqueiro-San Cibrao, Subtreito: Viveiro Sur-Celeiro
A directora xeral puxo en coñecemento da Comisión de Afectados de Magazos que, tendo en conta que é fundamental un enlace intermedio no subtreito Viveiro Sur-Celeiro, para garantir a mobilidade e accesibilidade a todos os veciños de Viveiro, e recordou que esta premisa era unha postura defendida tamén polo anterior Goberno. Aclarou que esa Comisión pode facer unha proposta alternativa atendendo a criterios técnicos e que unha vez que a Dirección Xeral de Infraestruturas conte con dita proposta, sería estudada e analizada polos técnicos da mesma.
Recordoulles que o actual deseño da Xunta responde ao desenvolvemento do estudio informativo aprobado por resolución de data 4 de xullo de 2006 así como de conformidade co concurso de asistencia técnica para a redacción do proxecto de trazado e construción da obra: VAC da Costa Norte. Treito: Viveiro Sur-Celeiro, licitado o 21 de decembro de 2006. En definitiva, documentos que foron tramitados pola anterior Consellería e, polo tanto, antes de que iniciara as súas responsabilidades o actual equipo directivo.