Nota de prensa:
Máis de 450 persoas dos Concellos de menos de 5.000 habitantes atoparán traballo co Plan Lugo Emprega
– A Deputación iniciará mañá xoves o proceso de selección no que participarán máis de 4.200 desempregados dos 51 municipios que se atopan neste grupo
– A listaxe de admitidos e excluídos pode consultarse na páxina web e as probas desenvolveranse ata o 31 de xaneiro en distintos puntos da provincia para facilitar a participación
– No caso dos Concellos de máis de 5.000 habitantes e con máis de 500 parados, contrataranse a 260 persoas, cuxa selección depende das entidades locais
A Deputación iniciará mañá xoves o proceso de selección do Plan Lugo Emprega nos Concellos de menos de 5.000 habitantes ou con menos de 500 parados. 4.207 desempregados da provincia dos 51 municipios, que atopan dentro deste grupo, participarán dende mañá ata o luns 31 de xaneiro as probas, que se desenvolverán en distintos puntos da provincia para facilitar a súa participación. En total, 451 persoas residentes nestes Concellos atoparán traballo coa iniciativa impulsada polo organismo provincial para frear o desemprego na provincia. No caso dos Concellos de máis de 5.000 habitantes e con máis de 500 parados (Burela, Chantada, Foz, Lugo, Monforte, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro) contrataranse a 260 persoas. Neste caso, a selección xa non depende da Deputación senón das entidades locais.
Datas e lugares das probas
O 1 de marzo, como data límite, os desempregados estarán traballando nos 66 Concellos, agás o de Incio que rexeitou sumarse á iniciativa aínda que dende o organismo provincial se lle deron dúas oportunidades e malia que o Partido Popular votou en contra da iniciativa no Pleno do mes pasado. A Deputación publicou hoxe a listaxe de admitidos e excluídos tanto no taboleiro de anuncios como na web da Deputación. As persoas que superen o exame tipo test pasarán á seguinte fase, que constará nunha entrevista persoal que se levará a cabo na segunda semana de febreiro. O programa das probas é o seguinte:
Xoves, 27 de xaneiro:
* En Viveiro, no polideportivo pequeno, citaranse ós solicitantes de Xove, Ourol, Muras e O Vicedo.
* En Burela, no salón de formación do Concello, ós de Cervo, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro.
* A Pontenova, no Centro de Iniciativas Turísticas, ós de Barreiros, A Pontenova, Trabada, Riotorto.
Venres, 28 de xaneiro:
* Lugo:
1. na Facultade de Veterinaria, citaranse ós aspirantes de Castroverde, O Corgo, Friol, Portomarín, Samos, Pol, Rábade e Guntín.
2. na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, ós de Xermade, Ribeira de Piquín, Páramo, Paradela, Triacastela e Láncara.
3. No Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, ós de Outeiro de Rei, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz e Begonte.
* Pastoriza, na Aula de Formación da Nave Municipal do polígono industrial, desenvolverase a proba para os solicitantes de Meira, A Pastoriza e Abadín.
Sábado, 29 de xaneiro:
* En Monterroso, no lugar coñecido como a Cúpula, citaranse ós de Antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, Carballedo e Taboada.
Luns, 31 de xaneiro:
* Becerreá, no Instituto de Bacharelato ós de Becerreá, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita, As Nogais e Baralla.
* Fonsagrada, no Salón de Actos do CEIP Santa María, ós aspirantes deste municipio, Baleira e Negueira de Muñiz.
* Monforte, no Salón de Actos do Instituto Daviña Rei, ós de Folgoso do Courel, Ribas do Sil, Quiroga, Bóveda, Pantón, Pobra de Brollón, Saviñao e Sober.
Custe 0 para os Concellos
A Deputación xestionou esta iniciativa, sen precedentes en Galicia, ante a ausencia de políticas activas de emprego da Xunta, que é a administración con competencias nesta materia. Está destinada a todos os Concellos da provincia e realizada con criterios de distribución poboacional, sen discriminar a ninguén. Asimesmo, o Plan non incrementa a débeda pública, xa que está financiado con fondos propios da Deputación. En total, destínanse 8 millóns de euros para a contratación de 711 parados que realizarán tarefas de mantemento de servizos municipais como rexeneración de camiños rurais, limpeza de cunetas, acondicionamento de áreas verdes, asfaltado de vías municipais, mellora de espazos urbanos e de abastecemento de augas ou atención no fogar.
O organismo provincial asume ó 100% dos custes salariais e mesmo os custes da indemnización por finalización do contrato. Mentres, o Concello tan só ten que aportar a roupa para os operarios e o material e as ferramentas necesarias para facer as obras. Lugo Emprega súmase a outras actuacións coas que a Deputación crera novos postos de traballo na provincia, como o Pacto Provincial polo Emprego, e que suman preto de 12 millóns de euros.