Nota de prensa:
JOSÉ VENANCIO: ‘O INVESTIMENTO DOS CLUBS DEBE RESIDIR NA FORMACIÓN’
Coincidindo co I Encontro do Deporte Base na Mariña, o CD Burela FS distinguiu o seleccionador nacional, José Venancio, co seu galardón máis prezado. O presidente da entidade, José Ramón González Casas, fíxolle entrega da Insignia de Ouro e Brillantes, nun acto que tamén contou coa presenza da delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; a vicepresidenta segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez; o responsable da Área de Deportes da Deputación, Antonio Veiga; a concelleira de Deportes de Burela, Neves Cando; e o deputado provincial e portavoz GMPP en Burela, José María González Barcia, entre outros.
“Nas categorías inferiores o obxectivo non é gañar, é formar xogadores para o primeiro equipo”. Así se posicionou o seleccionador nacional con respecto ao adestramento da base durante o seu relatorio na primeira edición do encontro mariñán. “O investimento dos clubs deber residir na formación; os bos resultados non teñen por que chegar antes de xuvenís” dixo José Venancio, que destacou, por riba de calquera aspecto, a importancia de potenciar as decisións dos xogadores dende a base para chegar a formar “deportistas intelixentes con capacidade de resolución ante a multitude de situacións diferentes que xorden en cada partido”.
O técnico tamén incidiu na “paciencia e traballo” que se require na ensinanza en idades temperás: “Cada xogador ten a súa etapa e hai que deixalo madurar. Non serve de nada pasar a un xogador ao primeiro cadro se non vai ter minutos. Pódese recorrer a equipos ponte, noutras categorías, ata que o deportista estea preparado; así non se esgota o seu potencial antes de tempo”.
O modelo de canteira lobellista, no que traballou José Venancio, a necesidade impulsar a base no fútbol sala feminino e o prexuízo do novo regulamento sobre o espectáculo futbolístico foron algúns dos temas tratados no coloquio posterior entre José Venancio, o adestrador do UCAM de Murcia, Miguel Sánchez; e os técnicos burelistas, Javier Pardeiro e Suso Rey; co directivo Marcelino Luna como moderador e unha animada participación dos asistentes.
Unha xornada de luxo
Na repleta xornada de actividades do sábado, unha pequena representación do alumnado e profesorado da ED EON Burela FS, xuntos aos xogador@s Claudia, Alba e Juanma, tivo o privilexio de poñer en práctica os consellos do seleccionador con tarefas de percepción, decisión e execución, como os tres mecanismos activos na toma de decisións. O protagonismo vespertino trasladouse ás competicións ligueiras de Prata masculina e Honra feminina; como espectador de luxo, José Venancio puido imbuírse do ambiente festivo da bancada laranxa, cos encontros ante o UMA Antequera e o UCAM Murcia, ademais de ser nomeado Socio de Honra do club.