A Secretaría Xeral da Igualdade aumentou o orzamento destas axudas nun 27%
Igualdade publica no DOG a convocatoria de axudas económicas as mulleres vítimas de violencia cun orzamento de máis de 2 millóns de euros
*
A convocatoria deste ano realizase por primeira vez en xaneiro e as mulleres vítimas poderán solicitar esta axuda desde maña ata o próximo 31 de outubro e a Secretaría Xeral da Igualdade, tal como aconteceu en 2010, comprométese a atender as solicitudes en prazo e non xerar retrasos
Santiago, 19 de Xaneiro de 2011.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero para o bienio 2011-2012, que conta cun orzamento de 2.090.000 euros, un 27% máis que na convocatoria anterior.
Nesta resolución establécense as bases da convocatoria das axudas económicas de carácter periódico de apoio ás mulleres que sofren violencia de xénero establecidas no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Estas axudas, coñecidas como Salario da Liberdade, concédense durante un máximo de 12 meses e poderán beneficiarse delas as mulleres vítimas de violencia de xénero que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e carezan de recursos económicos.
O obxectivo das mesmas é garantir ás mulleres vítimas de violencia de xénero unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, que lles posibiliten dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura cunha situación na que corren perigo. Por iso, a pesar da austeridade orzamentaria, o goberno galego aumentou o orzamento destas axudas nun 27% respecto a 2010 e un 32% respecto ao 2009.
O orzamento desta nova convocatoria é de 2.090.000 euros, e este crédito poderá ser ampliado se a demanda obriga a elo. Ademais, a convocatoria deste ano presenta unha novidade respecto ás anteriores. Ata agora o límite de ingresos para acceder a esta axuda estaba no triplo do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM), pero neste ano 2011, dada a situación económica actual e a contía do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), considérase prioritario apoiar economicamente ao maior número posible de mulleres en situación de violencia de xénero, polo que o límite de ingresos se sitúa en 1,5 veces o IPREM (798,76 €), o que permitirá atender un número substancialmente maior de solicitudes procedentes de mulleres con maiores dificultades económicas.
Para poder ser beneficiaria desta axuda é preciso ser vítima de violencia de xénero acreditada, ter cesado a convivencia co agresor, estar empadroada e residir en Galicia, e no caso de mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia, ter ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente (798,76 €) e non recibir outra axudas concedidas polas administracións públicas para estes fins.
O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá, xoves, e rematará o 31 de outubro. A Secretaría Xeral da Igualdade, tal como se fixo na convocatoria anterior, comprométese a atender e resolver todas as solicitudes en prazo, sen as demoras que foron habituais nos primeiros anos de concesión desta axuda, o cal redundará nunha correcta atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero necesitadas do apoio económico da administración autonómica