Nota de prensa:
As novas restricións á captura da cabala significan a perda de 600 empregos en terra na Mariña.
O BNG considera que as reducións de cota na cabala e no lirio aboca á flota e á industria a unha situación limite.
Unha delegación do Bloque Nacionalista Galego mantivo na xornada de hoxe unha xuntanza con diferentes representantes do complexo pesqueiro a fin de analizar as consecuencias que a redución das cotas do lirio e da cabala están a ter tanto na flota dos portos da Mariña como no sector de transformación. Esta reunión deulle continuidade as iniciativas que o BNG está a desenvolver nas diferentes institucións de apoio ao sector así como as alternativas que no plano social se están levar a cabo entre o sector, as forzas sindicais e sociais e as políticas a fin de presionar a Comisión Europea e ao Goberno do Estado a modificar a súa posición neste tema. Na mesma liña os nacionalistas demandaron do Goberno Galego unha posición de firmeza e altura de miras suficiente que permita garantir unha posición de País, algo que é o que esta demandar o conxunto do sector, posto que só desde eses parámetros vai ser posíbel garantir as mudanzas que se solicitan respecto da proposta da Comisión Europea.
O Portavoz de pesca do BNG, Bieito Lobeira, recordou que “estamos diante dunha pesquería estratéxica para Galiza que afecta directamente a 93 unidades de flota, concentrada de xeito preeminente, nos portos de Ribeira, Vigo e Celeiro, cuxo volume de capturas no caso do lirio, segundo dados do propio ICES, só representaba o 3,95% do total, das capturas en augas comunitarias. A día de hoxe xa hai 10 unidades de flota que teñen comprometido xa o cese da actividade”. Na mesma liña o deputado nacionalista indicou que “ Non podemos esquecer que xa o ano pasado como consecuencia de reducir de 80.000 toneladas a 24.000 a cota da cabala, cota que este ano se reduce nun 8,98%, a costeira limitouse exactamente a un mes. Isto fainos concluír que a situación neste ano vai ser moi semellante e a campaña da cabala cuxo inicio está fixado para o 14 de Febreiro non se vai alongar moito máis alá do 14 de Marzo, cando en anos anteriores esta duraba arredor de tres meses o que significa a práctica paralización de boa parte da flora durante dous meses. Unha situación aínda máis grave dáse no caso do lirio posto que os 16 arrastreiros que ocupan a 240 persoas na Mariña e que se adicaban practicamente durante todo o ano a esta pesquería, con esta nova cota os seus días de mar limitaríase a 15 días. Non fai falta abondar máis nas terríbeis consecuencias en termos de emprego e o que é aínda máis grave, unha decisión deste tipo significa a morte da flota do arrastre litoral na Mariña, concretamente das parellas”. Xa por último Lobeira precisou que esta decisión da redución de TACS afecta ao conxunto da flota e nese sentido alertou as graves consecuencias que significaría a reconversión dos arrastreiros en bacas alén dos problemas que está xerando xa esta decisión no cerco.
O Portavoz de economía do BNG, Fernando Blanco referiuse tamén a situación que se crea no sector de transformación e da exportación do peixe que xurdiu na Mariña arredor desta pesqueiría e que fixo que a nosa Comarca se sitúe á cabeza do Cantábrico na transformación da cabala. Segundo Blanco “ na campaña de 2009 as empresas que na nosa Provincia se adican a esta actividade transformaron arredor de 16.000 toneladas de Cabala, pouco menos da cota total que hoxe se lle asigna ao Estado, ocupando durante tres meses só nas labores de conxelado e fileteado nos diferentes centros de traballo que existen na Mariña a preto de 200 persoas. O ano pasado a actividade limitouse só a un mes, descendendo nun número importante a xente ocupada nesta actividade, algo que coas actuais perspectivas vaise manter. Non só estamos poñéndolle freo a unha industria cuxo nivel de facturación xa andaba por riba dos 40 millón de euros, unha industria que estaba nun proceso continuado de expansión, unha industria que destinaba a maioría do seu produto a exportación a mercados exteriores de países emerxentes e que polo tanto xogaba un importante papel no equilibrio do déficit comercial da zona, senón que vai ter unhas consecuencias en termos de emprego importantísimas”. O Parlamentario por Lugo recordou as importantes inversións que asumiu o sector da transformación, asumindo así o feito de garantirlle ao mercado estatal un produto de calidade, nun mercado como é o da pesca, onde o 50% da produción, procede da exportación, e onde as especies agora afectadas polo recorte, fundamentalmente o lirio e a cabala ocupan o cuarto posto, sendo dos poucos peixes onde non compite o mercado foráneo. Blanco reflexionou sobre “o paradoxo da política comunitaria que financiou boa parte dos investimentos que acometeu o sector de transformación, dando por bo, xa que logo, o plano de negocios que acompaña a actividade destes centros e que coñece ao milímetro a capacidade de transformación. Esta decisión agocha unha guerra comercial e o interese dos países do norte que se adicaron a esta pesqueiría até agora para pensos e que pretenden competir co noso sector de transformación que en moi poucos anos foi capaz de abrir mercados para estes peixes tanto no espacio comunitario e estatal, como particularmente nos mercados emerxentes do norte de África e de Europa do Leste a onde exportan e destinan a súa produción as empresas que traballan na Mariña”.
Xa por último o Portavoz do BNG na Deputación, Antonio Veiga, informou do “acordo unánime que adoptou o Pleno Provincial na sesión de onte no sentido de dirixirse ao Goberno do estado e a Xunta para que presionen a Comisión a fin de modificar o reparto das cotas”. “Agardamos que ese mesmo consenso se de noutras institucións porque é momento de manter unha posición de País, nesa dirección é que imos a traballar desde o BNG”, rematou Veiga.