Site icon Crónica3.com A Mariña

Colectivos da Mariña homenaxean a Castelao o domingo en Foz con musica e lectura de textos

Nota de prensa

Máis de 10 colectivos da Mariña inician a celebración do Ano Castelao con musica e lectura de textos do de Rianxo.

A Mariña homenaxea a Castelao o Domingo en Foz.

O vindeiro 30 de Xaneiro ás 13:00h nos xardíns Conde de Fontao de Foz diversos colectivos da Mariña celebrarán un acto de homenaxe a Daniel Castelao con motivo do 125 aniversario do seu nacemento e que responde a vontade de boa parte do movemento cultural galego de adicar a este ano ao grande creador e patriota galego. O acto vai consistir na lectura duns textos de Castelao a cargo de Xosé Paleo, presidente do Comité de Empresa de Alcoa, María Xosé Viamonte ,Delegada Sindical de Sargadelos e o pintor Celso Dourado así como nunha actuación musical a cargo da Asociación A Subela. Segundo indicou Xoán Ramón Fernández Pacios “ o formato do acto, pretende responder dunha banda o espírito do Banquete de Conxo e da toda nosa tradición de unir as forzas do traballo e da cultura, a par que singulariza a propia concepción da cultura de Castelao, non entendida como un luxo para minorías, e pon en valor a propia figura do rianxeiro ao unir ámbitos a priori sen vinculación”.

O acto que esta organizado entre outros colectivos polo Observatorio Mariña pola Igualdade, Francisco Lanza de Ribadeo, Ollomao de Barreiros, Buril de Burela, A Pomba do Arco de Foz, ou Mariña Patrimonio pretende ser unha xornada de festa e divulgación da obra de Castelao e en definitiva do noso patrimonio cultural “Castelao é tan grande que é capaz de unir a colectivos tan diversos como os que organizamos o acto, posto nada que ten a ver con Galiza lle alleo ao noso compatriota até o punto que foi capaz de facer de Galiza todo un mundo” afirmou Pacios que lembrou que “Castelao é un todo e nada se lle escapa na súa obra está presente desde a denuncia da opresión de clase ou de xénero, a loita polo idioma, ou a historia do país, ou o propio atraso e a dependencia de Galiza, porque todo iso é a realidade que conforma a nosa nación “ recalcou Pacios.

O presidente da Pomba do Arco anunciou  que “co acto do Domingo iniciamos unha xeira que vai ocupar ao asociacionismo cultural galego e por suposto ao da Mariña, de divulgación, explicación e coñecemento de Castelao. Aínda que tan presente entre nós Castelao é un grande descoñecido, xa sexa a súa produción literaria, artística, ensaística así como a súa labor social e político. A proposta do movemento asociativo da Mariña para 2011 e facer, logo de Castelao, un veciño máis e nesa dirección desenvolveremos diversos actos ao longo do ano xa sexan por parte das asociacións xa sexan por parte do conxunto de asociacións da Mariña que a esta altura nos agrupamos na federación Galiza Cultura que convoca o 30 de Xaneiro a mesma hora que o acto de Foz, actos en máis de 30 cidades e comarcas de Galiza”.

Xa por último Pacios convidou a todos os veciños da Mariña a participar neste acto de homenaxe a Castelao co que se arranca o ano conmemorativo do 125 aniversario do seu nacemento.

Exit mobile version