Coa Deputación de Lugo, menos paro na provincia
Precisamente, os Concellos nos que máis se disparou o paro están gobernados polo PP. A provincia pechou o ano 2010 cun incremento do paro do 10,32%. Destaca o de Muras, que pasou dos 18 parados en decembro de 2009 a 33 o pasado mes, polo que é o municipio coa peor estatística non só da provincia senón tamén de Galicia, cun 83,3% de parados máis.
Para paliar esta situación, na Deputación de Lugo fomos quen de xestionar de forma áxil un plan sen precedentes en Galicia. Trátase de Lugo Emprega, a través do que destinamos 8 millóns de euros para a contratación inmediata de 711 parados que realizarán traballos necesarios nos 66 Concellos da provincia. Por exemplo: labores de mantemento e mellora dos servizos municipais. Ademais, e isto é importante, o Plan non incrementa a débeda pública, dado que está financiado con fondos propios.
O éxito de convocatoria foi total. Ademais das solicitudes recibidas, no Servizo de Contratación produciuse unha auténtica avalancha de chamadas e mails interesándose polo procedemento designado para participar nas probas. En total, recibimos 2.407 solicitudes dos 57 Concellos de menos de 5.000 habitantes ou con menos de 500 parados, xa que no caso dos que superan este número, son as propias entidades locais as que se encargan da selección dos solicitantes.
O maior número de peticións produciuse nos Concellos gobernados polo Partido Popular. Por dar algún exemplo, Cervo, Xove e Lourenzá non baixan das 70 solicitudes.
Deste xeito, ponse de relevo o grande esforzo que estamos a facer para reducir o desemprego, cooperando ademais cos municipios que, nestes momentos, están a ter importantes problemas de liquidez. Senón fose pola Deputación, as entidades locais nunca poderían executar unha iniciativa destas caracterísiticas. Asumimos ó 100% dos custes salariais e mesmo os da indemnización por finalización do contrato. Mentres, o Concello tan só ten que aportar a roupa para os operarios e o material e as ferramentas necesarias para facer as obras. O 1 de marzo, como data límite, os desempregados estarán traballando nos Concellos.
Con esta iniciativa, o organismo provincial demostra unha vez máis que é unha administración útil e que soluciona problemas, non os crea. É dicir, con Feijóo máis paro e menos Galicia, mentres que coa Deputación menos paro e máis provincia.
Lara Méndez
Vicepresidenta Segunda da Deputación