Nota de prensa
AS LARANXAS POÑERÁN A PROBA O SÓLIDO VISTALEGRE CORDOBÉS
Despois dun desprazamento esgotador, con máis de mil quilómetros ás costas, as laranxas poñerán a proba o sólido Vistalegre cordobés. A décimo cuarta xornada de Honra, ante o Cajasur, dará comezo ás 18.30 horas.
Tras a vitoria moral e numérica fronte ao Navalcarnero da semana pasada, o Burela FSF Pescados Rubén pelexará por manter a súa liña de imbatibilidade e a cuarta praza (24 puntos) ante o oitavo clasificado (17 puntos), unha das referencias do fútbol sala de elite nas últimas tempadas, que en 2010-11 notou a marcha de Ampi e Sarita cara ao Ponte Ourense. Precisamente, a fortaleza local do cadro andaluz tan só foi neutralizada polas das Burgas (3-6), na décima xornada. Lonxe da casa, a sorte non acompaña o Cajasur, que só puido puntuar ante Soto del Real (3-6) e Diamante-La Rioja (3-3); na última xornada caeu ante o férreo Valladolid (5-2).
Dúbidas para esta cita serán Lidia, afectada por unha gripe con principios de bronquite, e Ro, cunha microrrotura no cuadríceps. Para a ala-peche Milena Gasparini este será o seu primeiro encontro como xogadora laranxa en competición oficial.
Ecuador ligueiro. As pupilas Javier Pardeiro despedirán a primeira volta en Burela; será o 22 de xaneiro fronte ao UCAM Murcia, penúltimo clasificado, a partir das 20.00 horas.