Site icon Crónica3.com A Mariña

Arranca na Mariña o proceso de selección do Plan Lugo Emprega

Nota de prensa:
Arranca na Mariña o proceso de selección do Plan Lugo Emprega

– 580 desempregados dos trece Concellos mariñanos de menos de 5.000 habitantes realizan as probas para acceder a un posto de traballo durante seis meses grazas á iniciativa impulsada pola Deputación

– As persoas que superen o exame tipo test pasarán á seguinte fase, que consistirá nunha entrevista persoal que se levará a cabo na segunda semana de febreiro

A Deputación abriu este xoves na Mariña o proceso de selección do Plan Lugo Emprega para os Concellos de menos de 5.000 habitantes ou con menos de 500 parados. Un total de 580 desempregados de 13 concellos mariñanos, que se atopan dentro deste grupo, realizan hoxe a primeira proba, consistente nun exame tipo test, para acceder a un posto de traballo durante seis meses grazas á iniciativa impulsada polo organismo provincial para reducir o desemprego na provincia. As persoas que superen a proba pasarán á seguinte fase, que consistirá nunha entrevista persoal que se levará a cabo na segunda semana de febreiro. En total serán 96 desempregados destes municipios os que atopen traballo na comarca da Mariña con este ambicioso proxecto.

As probas de hoxe desenvolvéronse ó longo de toda a mañá no polideportivo Antonio Tarrío de Viveiro, ó que asistiron os aspirantes de Xove, Ourol, Muras e O Vicedo; no pavillón polideportivo dos institutos de Burela, realizaron o exame os demandantes de Cervo, Alfoz, Lourenzá, Mondoñedo e O Valadouro; e no Centro de Iniciativas Turísticas (CIT) da Pontenova, no que se deron cita os solicitantes dos municipios de Barreiros, Trabada, A Pontenova e Riotorto. No caso dos Concellos de máis de 5.000 habitantes e máis de 500 parados, que na Mariña son Viveiro, Burela, Foz e Ribadeo, a selección xa non depende da Deputación, senón das propias entidades locais. Neste caso, contrataranse a 87 parados.
Continuarán ata o luns

Trala xornada de hoxe, as probas continuarán ata o luns no resto da provincia, de xeito que mañá venres se celebrarán en Lugo para os solicitantes de Castroverde, O Corgo, Friol, Portomarín, Samos, Pol, Rábade, Guntín, Xermade, Ribeira de Piquín, Páramo, Paradela, Triacastela, Láncara, Outeiro de Rei, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz e Begonte, e en A Pastoriza, para os demandantes de Meira, A Pastoriza e Abadín. O sábado serán en Monterroso para os aspirantes deste mesmo municipio e para os de antas de Ulla, Palas de Rei, Monterroso, Carballedo e Taboada. Por último, o luns terán lugar en Becerreá, para os veciños deste Concello e de Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita, As Nogais e Baralla; en A Fonsagrada, para os deste municipio e os de Baleira e Negueira de Muñiz; e en Monforte de Lemos, para os de Folgoso do Courel, Ribas de Sil, Quiroga, Bóveda, Pantón, Pobra de Brollón, Saviñao e Sober.

As persoas que resulten finalmente seleccionadas no Plan Lugo Emprega estarán traballando nos Concellos, como data límite, o día 1 de marzo. Desempeñarán labores de mantemento de servizos municipais, como rexeneración de camiños rurais, limpeza de cunetas, acondicionamento de áreas verdes, asfaltado de vías municipais, mellora de espazos urbanos e de abastecemento de augas ou atención ó fogar.

O Plan Lugo Emprega, co que a Deputación reducirá o número de parados na provincia ó tempo que incrementa a cooperación cos Concellos, está dotado con 8 millóns de euros e dará emprego a un total de 711 persoas durante seis meses. O organismo provincial asume o 100% dos custes salariais e ata os custes da indemnización pola finalización do contrato. Os Concellos, pola súa banda, tan só teñen que aportar a roupa para os operarios e o material e ferramentas necesarias para facelas obras. O organismo provincial xestionou esta iniciativa, pioneira en Galicia, ante a falta de políticas activas de emprego da Xunta, a administración con competencias nesta materia. O Plan non incrementa a débeda pública, xa que está financiado con fondos propios da Deputación.

Exit mobile version