Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA recorda no “Día mundial da educación ambiental” que Galiza está a vivir un alarmante retroceso

Nota de prensa

ADEGA: DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN AMBIENTAL
26 de xaneiro, DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN AMBIENTAL. Os máis de 35 anos de actividade de ADEGA foron parellos aos da historia da Educación Ambiental (EA). Dende o ano 2000 esta liña de actuación tense consolidado e arestora é unha das áreas prioritarias para ADEGA, con numerosos programas en diversos eidos e unha equipa de traballo adicada a deseñalos e realizalos. Porén, e como sinala a SGEA, hoxe a Educación Ambiental en Galiza está a vivir un alarmante retroceso: Brutal recorte de actividades e recursos; peche e infrautilización de equipamentos públicos; perda de peso da EA no sistema educativo; despedimentos na administración pública e desaparición de empresas; desbaldimento de recursos e falta de coordenación entre administracións… Por iso, no Día Mundial da Educación Ambiental ADEGA propón afortalar, fronte á inacción da Xunta, o papel dos colectivos sociais na difusión da EA.

A Educación Ambiental dende o ecoloxismo é unha realidade no amplo campo que ofrece esta disciplina de acción socio-educativa. No Libro Blanco de la Educación Ambiental en España (MMA:1999) recoñécese o papel que desempeña este movemento social cando se afirma que “…hai que destacar o papel das asociacións conservacionistas e ecoloxistas na xeración de conciencia e de corresponsabilidade da poboación na mellora ambiental…”.

Por outra banda a actualmente esquecida Estratexia Galega de Educación Ambiental (EGEA) vai máis aló ao atribuírlle ao ecoloxismo unha estratéxica función dentro desta disciplina como xerador de alternativas, “…un labor importante na sensibilización do público, na denuncia diante do conxunto da poboación das problemáticas locais, rexionais e globais máis evidentes e na presentación de posibles alternativas para a súa solución” (Xunta de Galiza,1999). ADEGA recolleu este desafío e decidiu promover programas e proxectos para artellar alternativas a diferentes problemáticas ambientais. A viabilidade e o éxito das campañas e programas que nos últimos anos ven desenvolvendo o ecoloxismo en temáticas como os residuos, a auga, etc, demóstrase cando estas son posteriormente asumidas e promocionadas polas administracións autonómicas e locais e mesmo polas empresas.

Porén, ADEGA entende que a EA non debe ser un fin en si mesma. O actual exceso de información e publicidade sobre temas ambientais está a conducir á trivialización da problemática ambiental e ao uso das actividades de EA como un medio para o lavado de imaxe de entidades privadas e públicas. Neste contexto, a actuación dos colectivos ecoloxistas continúa sendo esencial, sexa tanto para chegar á verdadeira raíz dos problemas como para evitar que a EA se converta nunha fin en si mesma. Manter e impulsar unha visión crítica, innovadora e participativa na EA segue a ser un dos principais obxectivos do ecoloxismo, e a alternativa fronte ao desleixo da Xunta..

As intervencións educativas deben ter como obxectivo mudar unha sociedade con serios problemas ambientais mediante a concienciación, a sensibilización e a participación cidadá. Por esta razón, só se aproveitará todo o potencial transformador da EA cando esta vaia ligada a proxectos de xestión ambiental sustentábel e de transformación do modelo de desenvolvemento económico e social.

Desde esta perspectiva, este mércores 26 será pois unha xornada de traballo normal para as educadoras e os educadores ambientais de ADEGA, porque entendemos que esa é a mellor maneira de celebrar o Día Mundial da Educación Ambiental. Nesta xornada realizaremos as seguintes actividades enmarcadas nos seus repectivos proxectos:

Programa de compostaxe doméstica:
Pola mañán realizaranse actividades no CEIP Conde de Fenosa e na EEI de Ares, dentro do proxecto de compostaxe da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.
Pola tarde realizarase a charla inicial do III Programa de Compostaxe caseira do concello de Carral que terá lugar na Casa da Cultura ás 19:00h
Móllate polos Humidais
Realizaremos unha saída as Lagoas de San Pedro de Muro e Xuño dentro da iniciativa “Móllate polos Humidais” cos escolares do CEIP de Portosín.
Programa de educación ambiental
Actividades sobre residuos no CEIP Monte Casado d’As Pontes.

Exit mobile version