Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA pide cambios na política forestal da Xunta para evitar as pragas

Nota de prensa

ADEGA pide cambios na política forestal da Xunta para evitar as pragas

Compostela, 20 de xaneiro de 2011. Diante da propagación da praga do nematodo que está a afectar ás masas forestais de piñeiros do sur do país e as medidas de erradicación anunciadas pola por Medio Rural, ADEGA insta á Xunta a tomar medidas de carácter preventivo que eviten a proliferación desta doenza tanto a curto como a longo prazo. Nos últimos anos vimos asistindo ao impacto de pragas novas en Galiza como este nematodo dos piñeiros ou o fungo dos ameneiros, alén das que xa evan con nós uns anos, como o gorgullo do eucalipto, ou xa endémicas (tinta do castiñeiro, pulguiña do carballo). Parece evidenciarse unha relación entre a extensión destes andazos e a globalización do mercado forestal, e entre a virulencia crecente dos episodios e o cambio climático. Diante destes desafíos, a Xunta non está a dar a talla, propoñendo cortas e fumigacións masivas mentres segue cunha política forestal miope, curtopracista, e orientada ao monocultivo de pirófitas, agora para usos enerxético

A día de hoxe non existen medidas que consigan controlar o nematodo do piñeiro (Bursaphelenchus xylophilus), unha vez detectado nas árbores, e ao tratarse dunha doenza de corentena, en cumprimento da normativa, está establecido a corta das árbores afectadas e o seu radio de acción. ADEGA é consciente dos danos que esta praga supón para as masas forestais de piñeiros e para os propietarios destas desde que chegou a Galiza através de Portugal (onde chegou en 1999 procedente de Norteamérica), e cuxo seguimento foi feito pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro (Pontevedra).

Porén, ADEGA considera que desde a Consellaría de Medio Rural, non se están a desenvolver todas as medidas e accións necesarias para frear a súa proliferación no presente e no futuro. Fronte a esta doenza, ADEGA propón tomar medidas preventivas de carácter integral para o noso monte, diversificando os seus produtos e servizos, apostando por medias ecosistémicas e polas especies frondosas autóctonas. O monocultivo de especies no que se basea a actual política forestal da Xunta, favorece a chegada de pragas e enfermidades, reduce a biodiversidade natural e hipoteca o futuro económico do noso rural. Dado que o noso monte ten que ser pensado en clave de futuro para as xeracións futuras, estas son medidas a medio e longo prazo, que deberían de estar xa postas en marcha.

ADEGA reclama ademais ao goberno galego que realice un importante esforzo parae sensibilizar, informar e formar aos propietarios afectados e a toda a sociedade sobre estas pragas e enfermidades, facilitando así o establecemento e a aplicación de medidas preventivas que eviten a expansión da doenza e o declive progresivo do noso monte.

Exit mobile version