Site icon Crónica3.com A Mariña

ADEGA adica ao territorio o número 63 da revista CERNA

Nota de prensa
ADEGA lanza o número 63 da revista CERNA, desta volta adicada ao territorio
Xaneiro de 2010. A necesidade dunha resposta social ampla e contundente ante as propostas do Goberno galego sobre a presente e futura ordenación territorial do país semella verdadeiramente urxente. Neste número de CERNA dedicado na súa meirande parte a esta temática, colectivos ecoloxistas, como ADEGA, comunidades de montes, asociacións veciñais, enxeñeiros e especialistas no dereito urbanístico demandan a unidade da sociedade galega na defensa do territorio como parte fundamental e constituínte da súa identidade.

Os nosos recursos naturais, o solo, os ríos, o vento, ou mesmo os residuos volven estar á disposición das grandes empresas privadas fronte ao dereito de uso público e social, e desta volta, como xa foi nalgún tempo, amparadas por unha política autonómica e local indiscreta e descarada fronte a sociedade, e submisa e abnegada fronte os intereses do Capital.

O caso do encoro da Baxe, no río Umia, afectado pola proliferación dunha cianobacteria tóxica difícil de erradicar, é unha mostra das consecuencias da imposición do interese privado fronte ao público coa conivencia da Administración, e sobre o que non existen intencións de emenda. A recente catástrofe social e ambiental vivida en Hungría e protagonizada por unha fábrica de aluminio similar a de ALCOA, no Norte de Lugo, indúcenos a pensar que a falta de control sobre certas actividades industriais por parte do poder executivo pode poñer á poboación nun risco demasiado elevado. E algúns perigos mesmo son agochados pola propia Administración, como foi no caso dos cultivos transxénicos, agora parcialmente localizados.

Tampouco o goberno do Estado se atreve a poñer freos á ambición do Capital privado, a pesar de que contradí os principios de sostibilidade que abandeirou na súa primeira etapa e os de austeridade polos que avoga na actual. Chega con mencionar algúns exemplos: ampliación innecesaria do aeroporto de Alvedro, AVE á costa da eliminación de trens de proximidade, novas macro-centrais hidroeléctricas no Miño e Sil, o Decreto do carbón, etc.

Alén dos artigos que fan referencia a estas temáticas de actualidade, a presente edición tamén dedica espazo para entrevistas, crónicas, a sección de flora e fauna e a de educación ambiental.

Exit mobile version