Site icon Crónica3.com A Mariña

A xustiza pon de manifesto a persecución política que efectúa o alcalde de Cervo, asegura o PSOE de Cervo

Nota de prensa

A XUSTIZA PON DE MANIFESTO A PERSECUCIÓN POLÍTICA QUE EFECTÚA O ALCALDE DE CERVO
Unha sentenza exculpa a un axente de policía que fora sancionado por Villares en base a unha denuncia anónima

CERVO, 10 DE XANEIRO. A portavoz do Grupo Municipal Socialista de Cervo, Lara Méndez, considera que a Xustiza vén de pór de manifesto a “caza de bruxas” que está a facer o alcalde, Alfonso Villares, quen “con motivación unicamente partidista pretende vulnerar impunemente os dereitos dos veciños”.

A portavoz socialista refírese así á sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo, que dá a razón a un axente de policía que fora sancionado cun apercibimento por parte do Alcalde a raíz dunha acusación de deixación de funcións anónima.

A setentenza fai fincapé na imposibilidade de efectuar un procedemento sancionador baseado nunha denuncia anónima. Asemade, incide en que o axente sancionado foi despoxado dos seus dereitos de defensa, xa que en ningún momento se efectuaron as probas pertinentes que poderían determinar con claridade a veracidade ou falsedade das acusacións supostamente efectuadas ó respecto do desempeño do seu labor.

Actuación dictatorial

Así pois, Lara Méndez afirma que esta sentenza demostra unha vez máis “o carácter dictatorial e arbitrario” da xestión do Alcalde de Cervo, “que se dedica a castigar ós veciños que non comulgan coa súa maneira de facer política”.

“Resulta curioso que o Alcalde fala dunha persecución política nos medios de comunicación, cando aquí o único que persegue politicamente é o señor Villares, como xa puxo de manifesto noutras ocasións, ó perseguir a unha familia por defender o que cre que é seu, nese caso o tránsito polo camiño do Espiñerido”, argumenta Lara Méndez.

A portavoz dos socialistas cervenses explica que no caso do axente o Alcalde tomou unha resolución sen comprobar os feitos denunciados, xa que “impuxo a sanción en base a unha denuncia anónima, vulnerando os seus dereitos básicos, e sen permitirlle utilizar os medios de proba convenientes para a súa defensa, e sen que se fixese ningunha averiguación”.

Engade que “o que vemos claramente é que este señor realiza unha caza de bruxas cara ós seus propios veciños, como é no caso dos veciños de Espiñerido, deixándoos sen acceso rodado á súa vivenda, ou agora no caso do axente, impoñendo unha sanción inxusta”.

“Esta actitude dictatorial e antidemocrática que ten o noso ilustre Alcalde non é a propia do máximo mandatario do noso Concello, porque realmente non exerce en nome propio, senón no nome dun pobo”, recorda a socialista. Méndez conclúe que “a xustiza acaba de dar un varapau ó Concello de Cervo e, concretamente, a Alfonso Villares”.

Exit mobile version