Nota de prensa
A XUNTA APROBA O PARQUE EÓLICO PENA VENTOSA COMO PROXECTO DE INCIDENCIA SUPRAMUNICIPAL
?? O proxecto permitirá a implantación dunha nova instalación de produción de enerxía a partir de fontes renovables, como é a enerxía eólica, e suporá un investimento de 4,15 millóns de euros
?? O trámite de aprobación definitiva deste proxecto sectorial supón o último paso na tramitación autonómica
?? Deste xeito, o Goberno galego está a desenvolver a aposta pola recuperación do liderado galego no eido da enerxía eólica, que conta co impulso definitivo da resolución da convocatoria de admisión a trámite de 2.325 novos megavatios eólicos
O Consello da Xunta de Galicia aprobou definitivamente o proxecto reformado do modificado ao parque eólico Pena Ventosa, nos concellos lucenses do Vicedo e Ourol, como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, que conta co informe favorable emitido pola Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.
O trámite de aprobación definitiva, por parte do Consello da Xunta de Galicia, deste proxecto sectorial supón o último paso na tramitación autonómica, permitindo á empresa promotora do parque eólico solicitar a licenza municipal para o inicio das obras.
Este proxecto permitirá a implantación dunha nova instalación de produción de enerxía a partir de fontes renovables, como é a enerxía eólica, e suporá un investimento de 4,15 millóns de euros, a instalación dunha potencia de 8 megavatios e unha produción neta anual estimada de 22.553 MWh/ano.
Deste xeito, o Goberno galego está a desenvolver a aposta pola recuperación do liderado galego no eido da enerxía eólica, que ademais conta co impulso definitivo da resolución da convocatoria de admisión a trámite de 2.325 novos megavatios eólicos, ao abeiro do Plan re-Xurde 2010, como motor industrial e socioeconómico que achegará á Comunidade Autónoma 6.000 millóns de euros de investimento e permitirá a creación de preto de 14.000 novos postos de traballo.