Nota de prensa
O presidente da Xunta destaca que o novo plan substitúe ao de 1998; “doce anos despois, a Xunta aproba un novo plan de residuos que intenta concienciar aos cidadáns da importancia de reducir os residuos, de reciclalos e de evitalos”
A XUNTA APROBA O NOVO PLAN DE RESIDUOS DE GALICIA QUE PERMITIRÁ TRIPLICAR A RECICLAXE E REDUCIR Á METADE O LIXO QUE SE DEPOSITA NOS VERTEDOIROS
Feijóo subliña que o proxecto ten como obxectivo estabilizar a produción de lixo, “é dicir, lograr que no ano 2020 a poboación galega produza un 10% menos respecto dos 1,2 millóns de toneladas que se xeran na actualidade”
A reciclaxe dos residuos se incrementará ata un 30%, pasando do 10% actual ao 30%; e a porcentaxe de residuos que se depositan en vertedoiro pasará do 53% ao 24%
“Poñemos a disposición dos galegos un plan que vai ter investimento, que vai a traer orden, que vai a traer rigor e que vai a traer riqueza para Galicia”, afirma o presidente do Goberno galego
En materia de infraestruturas o plan prevé 8 novas plantas de transferencia; a introdución da compostaxe nos centros ambientais actuais de Cerceda e do Morrazo; e 6 novas plantas de compostaxe para, xunto coas anteriores, multiplicar por cinco a capacidade de tratamento; e a creación dun segundo complexo de tratamento de residuos urbanos no sur de Galicia que alivie a presión que actualmente soporta o de Cerceda
Santiago, 13 de xaneiro de 2011.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou, este mediodía, na rolda de prensa do Consello, que a aprobación do novo Plan de Residuos de Galicia permitirá triplicar a reciclaxe e reducir á metade o lixo que se deposita nos vertedoiros. “Hoxe, presentamos un novo plan que substitúe ao plan de 1998. Doce anos despois, a Xunta aproba un novo plan de residuos que intenta concienciar aos cidadáns da importancia de reducir os residuos, de reciclalos e de evitalos”, aseverou.
Feijóo explicou que o proxecto suporá un investimento de 500 millóns de euros e conta con tres obxectivos ambiciosos. O primeiro, segundo explicou, é estabilizar a produción de lixo, “é dicir, lograr que no ano 2020 a poboación galega produza un 10% menos respecto dos 1,2 millóns de toneladas que se xeran na actualidade”.
Diminuír progresivamente os residuos que van a parar aos vertedoiros é o segundo obxectivo do plan co obxecto de lograr no 2015 que o 100% do lixo que se xera en Galicia se trate correctamente. “Actualmente, o 53% dos residuos se levan a vertedoiros e o que se pretende é reducir esta porcentaxe á metade, ao 24%”, matizou.
O terceiro gran eixo será triplicar a reutilización e a reciclaxe dos residuos ata un 30% , pasando do 10% actual ao 30%.
Feijóo lembrou que os países máis avanzados do mundo valorizan enerxeticamente os residuos, “e creo que nós temos que ir nesa liña”. “Hoxe, poñemos a disposición dos galegos un plan que vai ter investimento, que vai a traer orden, que vai a traer rigor e que vai a traer riqueza para Galicia, que é o obxectivo fundamental de calquera acción do Goberno”.
Pola súa banda, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou que o plan establece, tamén, uns obxectivos instrumentais centrados: no fomento da recollida selectiva en orixe; na potenciación das recollidas comerciais en orixe; na potenciación do mercado da reciclaxe; na implicación das persoas nas actuacións de xestión de residuos; en garantir a complementariedade dos diferentes modelos existentes e que van a perdurar no tempo; en desenvolver as infraestruturas necesarias para tratar os residuos xerados; e tamén, en garantir a calidade e transparencia da información.
“En materia de infraestruturas o plan prevé 8 novas plantas de transferencia, con capacidade total para unhas 400.000 toneladas ao ano; a introdución da compostaxe nos centros ambientais actuais de Cerceda e do Morrazo, con capacidade respectiva de 15.000 e 5.000 toneladas; 6 novas plantas de compostaxe para, xunto coas anteriores, multiplicar por cinco a capacidade de tratamento, que pasa de 49.000 toneladas actuais a 237.000 toneladas en 2020; a potenciación das plantas de Nostián e do Barbanza, para aumentar a súa eficiencia, a capacidade de tratamento mecánico e tamén a capacidade de compostaxe; e, tamén, a creación dun segundo complexo de tratamento de residuos urbanos no sur de Galicia que alivie a presión que actualmente soporta o de Cerceda”.
Así mesmo, o plan prevé ademais a posible creación dunha nova planta de selección de embases lixeiros, en función da evolución da recollida destes, para 5.000 toneladas ao ano.