Site icon Crónica3.com A Mariña

“A Pomba do Arco” homenaxeará en Foz a Xavier Baixeiras o 4 de febreiro

Nota de prensa:
A Pomba do Arco convida a veciños e colectivos a sumarse ao acto.

Foz homenaxea a Xavier Baixeras o 4 de Febreiro.

A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza o vindeiro venres 4 de Febreiro unha homenaxe literario-musical ao escritor mariñao Xavier Rodríguez Baixeras no que participarán, a máis da Banda Municipal de Foz, Juan Soto, xornalista e Cronista Oficial da Provincia, Suso Fernández, Cronista Oficial de Foz, Xosé María Alvárez Caccamo, escritor, e o propio homenaxeado, Xavier Rodríguez Baixeras.

O acto que se celebrará a partir das 20:30 na Casa da Cultura “Poeta Manuel María”, será introducido polo Presidente da entidade organizadora, o historiador Xoán Ramón Fernández Pacios quen definiu o acto como “unha expresión de xustiza, tanto pola colaboración permanente que Baixeras mantén coa actividade cultural da Mariña, como polo feito de que un dos grandes da nosa literatura como é Baixeras, adicara a súa escrita a estas terras da Mariña de Lugo, o que el graficamente deu en definir nun dos seus poemarios como a Beiranorte”. Segundo Pacios “Baixeras forma parte desa grande tradición da nosa poesía que fixo da Mariña e nomeademente do mar de Foz, o obxecto da súa obra, unha tradición que parte de Leiras, continúa Cunqueiro ou Manuel Manuel María e da que Xavier é hoxe o máis grande expoñente”.

O presidente da Pomba do Arco lembrou que “Baixeras, aínda que nacido en Tarragona, criouse en Ribadeo, e está vinculado a Foz, posto que pasa grandes temporadas no seu pazo de Covas en Nois. O noso autor é un dos grandes poetas da nosa literatura, se ben é considerado como unha das voces máis importantes do que se deu en chamar a “Xeración dos 80” a súa relación coa nosa escrita é da segunda metade dos sesenta, onde aparecen os seus primeiros poemas publicados en galego, como consecuencia da vinculación do mesmo co grupo madrileño do “Club de Amigos da UNESCO” do que facía parte entre outros Bautista Álvarez, Raimundo Patiño ou Ben-cho-Shey”. O portavoz do colectivo organizador quixo destacar así e todo que o groso da súa produción literaria data da das décadas do 80 e 90, se ben recentemente, foi premiado co prestixioso premio Caixa Nova, que se suma aos premios da Asociación da Crítica. “ A poesía de Baixeras é unha poesía culta, onde o suxeito ocupa un lugar referencial fronte ao obxecto, onde o cultivo da forma é unha preocupación central” afirmou Pacios quen destacou que “estamos diante dun grande sonetista, que manexa dun xeito maxistral a forma”.

Xoán Ramón F. Pacios referiuse tamén á grande difusión que a obra de Baixeras ten no conxunto da Península e na propia Europa, posto que a súa obra está traducida a máis do Español, ao Catalán, ao Vasco, ao Francés ou ao Italiano. Neste sentido tamén quixo destacar o importante traballo que ten desenvolto o homenaxeado como tradutor, de diversos poetas cataláns e italianos ao idioma galego. Un é outro feito son unha mostra da universalidade da nosa literatura e de que nos mesmos é o mellor xeito, se cadra o único, de ser universais posto que como afirmaban a xente da “Xeración Nos” só sendo diferentes se chega a ser existentes.”É unha sorte poder contar a Baixeras, como un dos da nosa tribo como gustaba dicir outro grande poeta, tamén amigo de Foz, como foi manuel María” afirmou Pacios.

Xa por últimos desde A Pomba do Arco fixeron un chamado ao conxunto dos veciños de Foz a participar deste acto de recoñecemento e homenaxe ao escritor Mariñao, pola súa importante obra pero tamén pola súa vinculación con nos. No mesmo sentido Pacios recordou que Xavier Baixeras é o irmán do destacado cineasta Enrique Baixeras, pai do cinema galego e director entre outras curtas do “Cadaleito”,codirixida por Fernando Trueba, gravada nas terras de Nois e de Fontao, do pintor Rafael, xa falecido, ou de Antonio, narrador en lingua galega e autor de “O rei dos ameneiros” novela tamén situada na Mariña de Lugo.

Exit mobile version