Nota de prensa
A Deputación pon á venda o Mirador de Mondoñedo para facelo útil á provincia logo de anos de abandono do PP
– O inmoble foi adquirido en 1967 e nunca cumpriu o obxectivo para o que se construiu: dotar a este municipio e á provincia dun novo espazo turístico
– O novo equipo de goberno aproba o expedente para iniciar a venda co obxectivo de facer útil ós lucenses estas instalacións que nestes momentos non teñen ningunha función
– A última concesión data de febreiro de 2003 séndolle concedida a un concelleiro do Partido Popular
– A Xunta de goberno aumentará a obra pública nos Concellos de Taboada, Quiroga, Pantón e Fonsagrada coa adxudicación de 5 novas actuacións do canon
A Xunta de Goberno deste venres aprobo o illamento do Mirador Los Paredones de Mondoñedo, que rexirá a venda destas instalacións que se sitúan na parroquia de Nosa Señora dos Remedios. O prezo fixado para a súa adquisición é de 336.300 euros. O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, subliñou que “o obxectivo é darlle a mellor saída posible para a posta en valor destas instalacións públicas, que agora están en desuso”.
Este inmoble permanece abandonado dende hai tempo, xa que dende a súa compra, en 1967, non foi utilizado de xeito permanente para ningún fin público e tampouco se cumpriu o compromiso para o que se comprou: dotar a Mondoñedo e á provincia dun novo espazo turístico. “Agora o novo equipo de goberno aproba o expedente para iniciar a venda co obxectivo de facer útil ós lucenses e á provincia estas instalacións que nestes momentos non teñen ningunha función. Esta é outra hipoteca do Partido Popular ó igual que o foi o hotel Miño”.
A sinatura da compra-venda data de xuño de 1967. En novembro de 1969 asinouse a sinatura de rectificación da superficie especificando que a superficie das dúas parcelas teñen unha superfície que supera os 4.800 metros cadrados. Nesta época asinouse un convenio para a súa execución a dúas bandas: Estado e Deputación. O custe era de 11.291.688 das antigas pesetas, dos que o organismo provincial aportou o 37%, é dicir, 4.223.293, e o Estado o 43% restante, 7.068.395.
En 1977 fíxose un contrato de arrendamento, durante 10 anos prorrogables. En 1978 inauguráronse as obras, o que supuxo a entrada en funcionamento do Mirador. En xuño de 1991 aprobáronse novas actuacións de mellora por un importe de 25.200.000 pesetas, momento a partir do cal deixou de ter uso público. En febreiro de 2003 renóvase a concesión a un Concelleiro do Partido Popular, resolvéndose o contrato en decembro de 2005 por impagos parciais. Esta foi a última concesión.
“Por tanto, é curioso que os populares se preocupen agora por este asunto, cando nós en so tres anos e medio intentamos buscar unha solución e dende mediados dos 90 ninguén se preocupou da situación deste inmoble”. Neste senso, Gato Soengas engadiu: “eu preguntaríalle ó señor Barcia e ó señor Barreiro por que están tan preocupados polo estado do mirador cando nós non creamos o problema. O que pretenden é sacar rendibilidade política cando foron eles os verdadeiros autores”.
Máis obra pública na provincia
A Xunta de goberno tamén deu o visto e prace á adxudicación de cinco novas actuacións do canon de Taboada, Quiroga, Pantón e Fonsagrada por valor de 1.373.722 euros. As comezarán nas vindeiras semanas. Trátase do acondicionamento das Neves-Xián, dos accesos Castelo-Ider e Insua a Vilar en Taboada. “Coa contratación dos arreglos nos tres viais cumprimos o compromiso adquirido no acto de prensentación da pasada fin de semana, no que ademais se logrou o compromiso do Ministro de Fomento, José Blanco, para reformar o acceso a Taboada dende a Nacional 540. Son obras moi demandadas polos veciños dende hai moitos anos e que se engaden a outras executadas neste municipio e que son unha realidade”.
No caso de Quiroga trátase da construción do Centro sociocultural de Nocedo e, no de Pantón, do acondicionamento do acceso á igrexa de Ferreira e, no da Fonsagrada do arranxo da Coas Consistorial. “A Deputación pon fin á débeda do canon neste municipios que ascende a 2.327.969 euros, tendo en conta que o municipio da Montaña se atopa dentro da zona norte co de Negueira de Muniz. O canon é un plan que está a dar moi bo resultado, xa que coas obras que se acomete, a Deputación contribúe a aumentar a obra pública na provincia, a diferenza do que está a facer a Xunta de Galicia. Senón fose polo investimento provincial moitos dos Concellos non terían obra pública e, por tanto, non disporían de infraestruturas para os cidadáns”.