Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación creará 410 prazas en 10 residencias e centros de día nos que traballarán 120 persoas

Nota de prensa

A Deputación dará traballo a máis de 120 persoas coa construción das primeiras 10 residencias e centros de día

– O Presidente e os Alcaldes de Trabada, Riotorto, Meira, Guitiriz, Castroverde, Ribas do Sil, O Saviñao, Pol, Pedrafita e Navia de Suarna asinaron os convenios de adhesión ó proxecto socioeconómico que crea emprego e combate o despoboamento demográfico na provincia

– Gómez Besteiro salienta que “é momento de substituír o concepto de austeridade empobrecedora por austeridade enriquecedora. A nosa vontade é construír máis residencias na provincia. A Xunta debe incorporase ó proceso”

– Todos os Rexedores acordan sumarse á iniciativa da Deputación para, durante o mes de febreiro, ratificalo no Pleno municipal e aportar os terreos ó organismo provincial e, en marzo, iniciar a licitación dunhas obras que ofrecerán 410 prazas para maiores

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e os Alcaldes de Trabada, José Manuel Yanes; Riotorto, Federico Gutiérrez; Meira, Antonio de Dios; Guitiriz, Regina Polín; Castroverde, José María Arias; Ribas do Sil, Miguel Ángel Soutela; O Saviñao, Joaquín González; Pol, Lino Rodríguez; Pedrafita, José Luís Raposo; e Navia de Suarna, José Fernández, asinaron este luns no Pazo de San Marcos os convenios de adhesión ó proxecto de construción das 10 primeiras residencias e centros de día. Trátase dunha iniciativa que dá resposta ós retos do organismo provincial para 2011: crear emprego, máxima cooperación cos Concellos, e combater ó despoboamento demográfico. Gómez Besteiro salientou que “é momento de substituír o concepto de austeridade empobrecedora por austeridade enriquecedora onde sexamos capaces de aforrar, e de dicirlle ós veciños en que investimos cada euro que aforramos. Con estas infraestruturas daremos traballo a máis de 120 persoas, ó tempo que facemos fronte ó despoboamento: o problema da Galicia do século XXI”.

Os 10 primeiros centros para maiores que construirá a Deputación na provincia mediante SUPLUSA -entidade dependente do organismo provincial anteriormente adicada en exclusivo á creación de solo industrial ata que o actual Goberno provincial a reorientou- terán capacidade para 26 persoas no caso das residencias, e de 15 nas instalacións de día. Isto significa que, en total haberá 410 prazas. Segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contratar a un mínimo de coidadores por número de prazas, así como 1 médico e 1 ATS que presten atención as 24 horas do día. Tendo en conta a capacidade destas 10 primeiras residencias e centros de día, a Deputación dará traballo ó redor de 120 coidadores. A maiores, contratará a persoal auxiliar como: administrativo, cociñeiros ou limpeza, entre outros.

Prazos

Gómez Besteiro destacou que “cumprimos coa palabra dada”. En decembro, o Consello de Administración de SUPLUSA acordou as localidades de situación dos fogares residenciais con centros de día tendo en conta o seguinte: que os municipios foran obxecto dun informe técnico que detectaba a necesidade destas infraestruturas en localidades envellecidas e que perden poboación; dotar de servizos sociais a zonas cun alto porcentaxe de maiores para mellorar a súa calidade de vida; e crear emprego para xerar novas oportunidades económicas, freando o despoboamento demográfico no rural. En xaneiro, tal e como anunciou no seu día o Presidente, os Concellos deberían decidir se querían sumarse á esta iniciativa mediante a sinatura destes convenios. O Presidente adiantou que, durante o mes de febreiro, os municipios deberán ratificalo no Pleno e aportar os terreos ó organismo provincial para, en marzo, comezar coa licitación das obras.

“A Xunta debe incorporarse ó proceso”

A construción das primeiras 10 residencias e centros de día é un proxecto de mutuas obrigacións. A Deputación inviste 12 millóns de euros na construción destas infraestruturas. Mentres, os Concellos, ademais de aportar os terreos e os servizos urbanísticos, participan no finanzamento mediante unha achega de 200.000 euros, o 14% do custe total de cada centro que ascende a 1.400.000 euros. Deste xeito, malia que o organismo provincial non ten competencias en materia sanitaria xa que estas lle competen ó Executivo galego, fai un importante esforzo inversor co obxectivo de combater datos coma os seguintes: a Enquisa de Poboación Activa apunta que Galicia liderou a destrución de emprego en España durante 2010 -na actualidade, hai máis de 200.000 parados-; o Instituto Nacional de Estatística mantén que a Comunidade xa supera as 1.400 localidades baleiras pola crise demográfica. Neste senso, o Presidente asegurou que “a Xunta debe incorporase ó proceso”, e reiterou a necesidade de “fronte á austeridade empobrecedora, austeridade enriquecedora”.

Na actualidade, o Goberno galego ten residencias en Burela, Castro de Rei, Monforte de Lemos e Quiroga. A maiores, subvenciona prazas en centros privados de Chantada, Guntín, O Incio, Lugo, Láncara, Monforte de Lemos, Pastoriza, Sober, O Valadouro, Vilalba e Xove. Mentres, A Fonsagrada, Becerreá e Foz esperan que o Executivo Galego cumpra coa súa palabra levando novos centros.

Exit mobile version