Nota de prensa:
RAQUEL ARIAS ASINA 5 CONVENIOS CON CONFRARÍAS DA MARIÑA PARA MELLORAR A XESTIÓN, CONSERVACIÓN E SUSTENTABILIDADE DOS RECURSOS MARIÑOS
§ O primeiro dos convenios ten por obxecto a mellora das condicións para a produción e a loita contra o furtivismo para acadar a máxima rendibilidade dos recursos mariños de xeito compatible coa súa conservación
§ O segundo deles centrarase na mellora da capacidade produtiva dos bancos marisqueiros existentes na zona costeira
Celeiro, 17 de xaneiro de 2011.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, asinou 5 convenios coas confrarías de Burela, Celeiro, San Cibrao, O Vicedo e Ribadeo destinados á mellora da xestión, conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños. O importe para a materialización destes traballos é de 105.492 euros e a súa vixencia prolongarase ata o 30 de xuño 2011, con posibilidade de prórroga.
A delegada subliñou que estes acordos “veñen a reforzar o vínculo da Xunta cun sector fundamental para o desenvolvemento económico da nosa provincia e o apoio ao traballo de 1.520 persoas, que son as que aglutinan as 5 confrarías hoxe asinantes”.
Dentro dos 5 convenios, hai dous tipos de acordos. O primeiro deles contempla a realización das actividades de conservación, protección e sustentabilidade da explotación dos recursos mariños mediante operacións de salvagarda do medio mariño e das súas especies, establecendo as condicións de acceso ás zonas de pesca.
As actuacións centraranse na mellora das condicións para a produción (coidado, control e seguimento dos bancos marisqueiros) e a loita contra o furtivismo. Así, a través destes convenios, a Consellería do Mar facilita a contratación de 8 vixiantes, que se encargarán de velar pola seguridade e o respecto polos bancos pesqueiros e marisqueiros.
Convenio de colaboración para a xestión das zonas de produción
O segundo dos plans asinado entre a Consellería do Mar e as confrarías de Celeiro, O Vicedo, e Ribadeo vai encamiñado a mellorar a xestión das zonas de produción. “O acordo prevé accións dirixidas á implantación de técnicas de semicultivo, á elaboración de plans de explotación, á elaboración de proxectos de rexeneración de zonas de produción e ao seguimento da produción efectiva dos bancos naturais marisqueiros”, explicou a delegada territorial.
A Consellería do Mar comprométese a destinar os medios persoais e materiais propios que sexan necesarios para o desenvolvemento e coordinación das accións obxecto dos convenios. Ademais, fará un seguimento conxunto coas Confrarías das accións e tomará as medidas oportunas para o seu normal desenvolvemento.
Un dos obxectivos da Consellería do Mar é traballar na defensa do medio mariño e dos recursos dos bancos marisqueiros, para o que considera necesario adoptar medidas de xestión, mediante a prestación de apoio aos profesionais, que permitan acadar a súa máxima rendibilidade de xeito compatible coa conservación do recurso e do seu medio.
Posta en marcha do parque de bombeiros
A delegada territorial anunciou que o parque de bombeiros de Viveiro estará operativo a partir do 1 de maio. Arias fixo este anuncio aproveitando a súa visita á Mariña despois de acudir, a primeira hora da mañá, á reunión co pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros, que hoxe aprobou un orzamento para o presente exercicio que alcanza os 3.700.918,22 euros.
Este orzamento servirá para poñer en marcha no mes de maio os parques de bombeiros de Viveiro, Barreiros, Vilalba, Chantada e Sarria, á excepción do de Monforte, que está pendente de que o concello faga o traspaso oficialmente ao consorcio.
O pleno do consorcio ten previsto resolver nos próximos días os contratos de xestión indirecta dos parques de bombeiros provinciais, aos que optan 8 empresas e cuxo orzamento supera os 35 millóns de euros.
O custo total por parque ascende a 628.813,60 euros (sen IVE) por cada un dos 8 anos de vixencia do contrato. O prazo do contrato poderá prorrogarse por períodos máximos de tres anos, ata un tope global de vixencia de 15 anos.
Plans de cooperación
Raquel Arias lembrou que os concellos que teñen grupos Grumir poderán iniciar dende mañá os trámites para a contratación do persoal non estable destes colectivos, que poderán facer efectiva a partir do mes de febreiro. O DOG de hoxe publica as axudas do Plan de Cooperación para entidades locais ao abeiro do cal se poden realizar estas solicitudes.
A delegada territorial destacou que “esta orde ven a demostrar unha vez máis o apoio decidido da Xunta aos municipios e ás persoas desempregadas”. De tal forma, pese á obrigada contracción dos orzamentos da Xunta para o presente ano, a dotación orzamentaria para este plan vese incrementada nun 20 por cento con relación a 2010.