Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG-Ensino convoca asembleas de afiliados para tratar a folga xeral do 27 de xaneiro

Nota de prensa:

A CIG-ENSINO CONVOCA ASEMBLEAS DE AFILIADOS PARA TRATAR A FOLGA XERAL DO 27 DE XANEIRO

“A reforma das pensións significará reducir as futuras pensións ata un 25%”, di Fernández Abel

Ribadeo a 19 de xaneiro de 2011.- A CIG-Ensino vai a celebrar distintas asembleas nas localidades da Mariña para informar á afiliación sobre a Folga Xeral que o sindicato nacionalista convocou para o día 27 de xaneiro de 2011. A primeira asemblea xa se celebrou en Burela onte e mañá día 21 celebrárase no local da CIG a segunda a partir das 6:30 da tarde. O próximo martes, día 25, a asemblea será no local da CIG de Ribadeo á mesma hora.

O obxectivo principal destas asembleas é informar sobre as medidas regresivas que o goberno do Estado está levando a cabo como foron a redución dos salarios, a conxelación das pensións ou a reforma laboral. Agora, quere poñer en marcha a reforma do actual sistema público de pensións que van a recortar de forma significativa as contías das pensións de toda a clase traballadora e beneficiar á banca principalmente. Iso vese claramente en que mentres coa conxelación das pensións o Estado aforrou 1.530 millóns, ao mesmo tempo regaloulle aos bancos 1.440 millóns en desgravacións fiscais polas pensións privadas.

Coas medidas que pretende aprobar o Goberno de ampliar os anos de cálculo e a idade de xubilación poderían reducir ata un 25% a pensión nos próximos anos cando o fondo de reserva das pensións acumulou un excedente de máis de 64.000 millóns de euros polo que o noso sistema público non está en perigo como queren facernos crer.

Por iso, é fundamental que o profesorado dos centros secunde a folga do próximo día 27 para parar este ataque aos dereitos básicos da clase traballadora en xeral e dos empregados públicos en particular. Aproveitarase a ocasión para valorar os excelentes resultados electorais da CIG subindo en votos e sendo a primeira forza sindical nos centros de ensino, ademais doutros temas que afectan aos docentes.

Exit mobile version