Site icon Crónica3.com A Mariña

A área de cultura da Deputación recuperará a memoria fotográfica de Ribadeo

Nota de prensa:
A ÁREA DE CULTURA DA DEPUTACIÓN RECUPERARÁ A MEMORIA FOTOGRÁFICA DE RIBADEO

Antonio Veiga e Fernando Súarez Barcia asinaron un convenio polo que a Área de Cultura da Deputación destina 5.000 euros para desenvolver o proxecto “Un paseo pola memoria

fotográfica de Ribadeo”

Os veciños e veciñas de Ribadeo serán os partícipes da recuperación da súa memoria e historia a través da recollida de fotografías para a súa exposición polas parroquias do concello

LUGO, 3 de xaneiro de 2011. O delegado de Cultura da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga Outeiro, asinou no seu despacho xunto ao alcalde nacionalista de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, un convenio mediante o cal a Área de Cultura da Deputación aportará ao Concello de Ribadeo un total de 5.000 euros para desenvolver o proxecto “Un paseo pola memoria fotográfica de Ribadeo”.

Este proxecto pretende recuperar imaxes antigas que recollan a memoria e a historia de Ribadeo a través da participación e colaboración veciñal, dixitalizando as fotografías que cedan momentaneamente as persoas para que non se perdan e dándoas a coñecer a través de exposicións polos centros sociais das parroquias. Desta maneira, este proxecto cumpre unha importante función social, xa que require da participación e colaboración dos veciños e veciñas das parroquias de Ribadeo e, por outra parte, permitirá que se recollan un número grande de imaxes antigas sobre Ribadeo, conservalas evitando que se estraguen mediante o proceso de dixitalización, e logo difundilas a través de exposicións que circularán polos locais sociais do concello.

Antonio Veiga destacou que a Área de Cultura da Deputación colabora cos concellos lucenses para poñer en marcha iniciativas deste tipo, que “conseguen facer da cultura un elemento tamén de participación e integración cidadá, de cohesión social, ao mesmo tempo que se desenvolve unha actividade de recuperación dunha parte importante da historia dun concello coma Ribadeo”.

Fernando Suárez Barcia, alcalde nacionalista de Ribadeo, agradeceu a colaboración da Área de Cultura da Deputación polo seu apoio económico para pór en marcha este proxecto e indicou que axiña se vai comezar a dar os primeiros pasos, que partirán dun traballo de información para solicitar a colaboración veciñal explicando o contido do proxecto. Por último, Súarez Barcia indicou que desde o concello están a estudar a posibilidade de que, como remate a este proxecto, a mostra fotográfica quede plasmada nunha publicación para que os veciños e veciñas de Ribadeo poidan quedarse con elas para sempre e non se queden en exposicións temporais.

Exit mobile version