Site icon Crónica3.com A Mariña

Xestur-Lugo rehabilitará vivendas en Lourenzá, Ribadeo e Viveiro

Nota de prensa:
XESTUR LUGO RECIBIU AS OBRAS DE REHABILITACIÓN DE TRES EDIFICIOS DE VIVENDAS EN LOURENZÁ, RIBADEO E VIVEIRO

* En total obtéñense sete vivendas rehabilitadas e un local, nos que foron investidos un total de 817.956,23 euros para acometer os traballos
* En Lourenzá xa foron mellorados outros dous edificios e en Viveiro outro atópase en obras na actualidade
* As actuacións insértanse na política de adquisición e recuperación de inmobles por parte do IGVS, iniciada co barrio da Tinería de Lugo

Lugo, 8 de decembro de 2010.- A empresa pública Xestur Lugo procedeu nos últimos días á recepción das obras de rehabilitación de varios edificios nos concellos de Lourenzá, Ribadeo e Viveiro que estaban sendo executadas por encomenda do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

No concello de Lourenzá recibíronse as obras de rehabilitación do edificio emprazado no número 25 da rúa Avelino Montero Villegas, na que se obtiveron dúas vivendas e un local comercial de 52,30 metros cadrados, cun investimento de 270.799,07 euros máis IVE. No mesmo concello de Lourenzá Xestur rehabilitou os edificios da rúa Rego Vilazo números 19 e 22, con unha vivenda en cada caso. En Ribadeo recibíronse as obras de rehabilitación da casa emprazada na rúa Antonio Otero, 33, con dúas vivendas e un investimento de 177.212,31 euros máis IVE.

Finalmente, en Viveiro foron recibidas as obras do edificio emprazado no número 22 da rúa Melitón Cortiñas, con tres vivendas e un investimento de 369.944,85 euros máis IVE. En Viveiro tamén está en rehabilitación a casa número 65 da rúa Rosalía de Castro, na que se obterán tres vivendas e un local comercial.

As vivendas resultantes destas rehabilitacións calificaranse como de promoción pública e adxudicaranse a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, preferentemente para mozos. A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou que con estas actuacións “cúmprese unha dobre labor. Por un lado, recupérase o patrimonio, e por outra banda, facilítanse vivendas en condicións favorables para os demandantes que cumpran cos requisitos requeridos para a súa ocupación na modalidade que corresponda “.

Estas actuacións responden ao programa de adquisición e rehabilitación de vivendas posto en marcha pola Xunta de Galicia con actuacións tan significativas como as da Tinería ou o núcleo rural de Mazoi, en Lugo, dentro tamén da provincia de Lugo.

Nesta aposta pola rehabilitación, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asinou nas últimas datas un convenio co concello de Vilalba polos que o IGVS adquirirá edificios no casco histórico para a súa rehabilitación e calificación das vivendas obtidas como de promoción pública. So na adquisición de edificios para rehabilitar o IGVS investirá 300.000 no concello de Vilalba.

Exit mobile version