Site icon Crónica3.com A Mariña

Sumase o PP ao acordo para que as administracións estuden os futuros usos do antigo peirao de Viveiro

Nota de prensa

O debate desta iniciativa tivo lugar esta tarde no seo da Comisión de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia

UNANIMIDADE DAS TRES FORZAS POLÍTICAS PARA IMPULSAR UN ACORDO ENTRE PORTOS DE GALICIA, O DEPARTAMENTO ESTATAL DE COSTAS E O CONCELLO PARA QUE ESTUDEN OS FUTUROS USOS DO ANTIGO PEIRAO PESQUEIRO DE VIVEIRO

o Balseiro defende como condición imprescindible integrar no proxecto de rexeneración destes espazos a construción dun parking soterrado tal e como demandan veciños e comerciantes.

o De non chegarse a un acordo definitivo entre todas as administracións os  populares anuncian que a Xunta de Galicia estaría disposto no ano 2011 a impulsar un proxecto que contemple outros usos nesta zona incluído o parking soterrado

Santiago, 16 de decembro de 2010.- Unanimidade das tres forzas políticas para impulsar un acordo entre Portos de Galicia, o departamento estatal de Costas e o Concello de Viveiro, de tal xeito que estas tres administracións estuden os futuros usos dos espazos correspondentes ao antigo peirao pesqueiro de Viveiro. Populares, socialistas e nacionalistas uniron o seu voto para pedirlle á Xunta que consensue os futuros usos destas instalacións de titularidade autonómica e votaron favorablemente a un acordo conxunto no seo da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia que tivo  lugar na tarde de hoxe.

PARKING SOTERRADO

Os populares anunciaron que sempre condicionarán os novos usos do vello porto pesqueiro Viveiro a que o proxecto de rexeneración que finalmente se desenvolva contemple a execución dun novo parking soterrado. Unha petición coa que, segundo explicou o voceiro popular do Mar, Jose Manuel Balseiro, os populares responden a unha demanda dos veciños e dos comerciantes da localidade seguros de que esta nova infraestrutura serviría para dinamizar e dar novos servizos á cidade e impulsar a actividade turística e comercial.

COSTAS PREVÉ  INVESTIR NO QUE NON É SEU, PERO NON O FAI NOS ESPAZOS DA SÚA TITULARIDADE

Balseiro lembrou que a día de hoxe áinda existen concesións vixentes nestes espazos –que deberían ser rescatadas en caso de contemplar outros usos- e amosou a súa perplexidade porque o Departamento estatal de Costas teña previsto achegar un investimento millonario nun espazo que non é da súa competencia cando aínda están pendente os arranxos de múltiples paseos marítimos e areais afectados polos pasados temporais.

Jose Manuel Balseiro sinalou que a posición do Grupo Popular non é contraria á  chegada deste investimento pero insiste en que a condición imprescindible para levala adiante é a creación dun aparcamento soterrado. Como mostra de boa vontade os populares sinalaron que a petición do Grupo Popular os orzamentos da Xunta para 2011 contemplan unha partida específica para a execución do proxecto construtivo de futuro parking cuxa execución se incluíria posteriormente no proxecto máis global de rexeneración dos vello porto, nos espazos comprendidos desde a zona do peirao deportivo ata a ponte da Misericordia.

O PP NON DESCARTA IMPULSAR ESTE PROXECTO

Finalmente Jose Manuel Balseiro tamén indicou que de non chegarse a un acordo definitivo entre todas  as institucións, a Xunta de Galicia estaría disposta a impulsar no ano 2011 un proxecto que contemple outros usos nesta zona incluído o parking soterrado.

Exit mobile version