Nota de prensa:
RESPONSABLES DE SEPES ASINARÁN MAÑÁ EN RIBADEO OS CONTRATOS DE COMPRA-VENDA DAS PARCELAS SOLICITADAS NO POLÍGONO INDUSTRIAL. FERNANDO SUÁREZ SUBLIÑA QUE O PARQUE EMPRESARIAL COMEZA ASÍ A DAR SÍNTOMAS DE ACTIVIDADE.
Ribadeo, 15 de decembro de 2010. Responsables de Sepes estarán mañá no Concello para asinar os contratos de compra-venda das parcelas solicitadas no polígono industrial de Ribadeo. O alcalde, Fernando Suárez, subliña que o parque empresarial comeza a dar síntomas de actividade con este novo paso e coas diferentes consultas recibidas nas últimas semanas de empresarios que queren ter información de primeira man.
O rexedor dixo que “damos un novo paso adiante na posta en marcha do tan ansiado e tan querido polígono industrial de Ribadeo. Será mañá a partires das doce no Concello, responsables de SEPES virán aquí para empezar a asinar os diferentes contratos de compra-venda coas empresas que demandaron e que teñen unha parcela xa solicitada no polígono de Ribadeo. Hai unha parte que o fará mañá e outra que agardará ata principios de 2011 por desexo dos propios interesados”.
Suárez Barcia lembra que “está previsto que unha ducia de empresarios se instalen no polígono de Ribadeo, que conta con 55 parcelas. É unha cifra moi importante tendo en conta a situación difícil que estamos a atravesar a nivel global, é un exemplo de que incluso en circunstancias complicadas este polígono empeza a dar síntomas de actividade, como tamén o dan as diferentes consultas recibidas nas últimas semanas. Varios empresarios se achegaron a pedir información de primeira man sobre as parcelas restantes deste polígono, toda vez que Sepes hai uns meses rebaixou un pouco máis o prezo do metro cadrado estando cunhas cifras bastante competitivas e ao mesmo tempo cunha ubicación ao pé da autovía inmellorable, non só no entorno máis inmediato a Ribadeo senón en moitos kilómetros á redonda”.
O alcalde celebra “este novo paso que daremos mañá e esperemos que as diferentes empresas que adquiren as parcelas empecen a solicitar canto antes as licencias de construcción das súas naves. Desde o Concello seremos áxiles na tramitación e na dación das licencias de obra e de actividade correspondentes”.
O polígono industrial de Ribadeo conta cunha superficie de 115.000 metros cadrados e supuxo un investimento total de máis de 10 millóns de euros.