Nota de prensa
AS OBRAS DO SANEAMENTO DE SAN CIPRIÁN NON SE ESTÁN VENDO AFECTADAS POLO PARÓN DE NADAL
* Os traballos estanse intensificando nestas datas festivas co obxectivo de adecuarse aos prazos previstos para o remate das obras
* Así llo comunicaron onte ao alcalde, Alfonso Villares, os responsables da empresa adxudicataria das obras
Cervo, 28 de decembro 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, indicou hoxe que as obras da nova rede de saneamento de San Ciprián continuarán a un ritmo normal tamén nestas datas do Nadal. Así llo confirmaron onte pola tarde ao rexedor local os responsables da empresa adxudicataria destes traballos durante unha visita de rutina feita a distintos puntos onde se están desenvolvendo as obras.
Villares indicou que actualmente os traballos céntranse na finalización dalgúns detalles da construción do tanque de tormentas que vai soterrado no Parque Reina Sofía. “Concretamente estase facendo a canalización para subministrar de enerxía eléctrica a esta infraestrutura, e unha vez finalicen estas obras procederase a restituír o céspede e o xardín do parque tal e como estaba antes de que comezaran os traballos” sinalou. Tamén se están realizando pequenos traballos complementarios ao longo do tramo de rede de sumidoiros que atravesa a vía de Feve e se está rematando a urbanización da contorna da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR), situada no polígono de Cuíña.
O alcalde recordou que esta actuación leva prolongándose no tempo debido inicialmente a motivos de carácter político derivados da rescisión da adxudicación feita pola Xunta bipartita. En canto aos traballos materiais Villares recoñeceu tamén que levan un certo atraso. Neste caso debido ás dificultades derivadas do tipo de solo polo que discorre unha gran parte das obras. “Aínda así, os traballos estanse desenvolvendo a bo ritmo e estanse facendo cunha gran profesionalidade. A nosa máxima prioridade é que as obras se fagan coas máximas garantías de seguridade e de calidade e contamos que podan estar finalizadas a principios do 2011” indicou Villares.
O bipartito recortou 1,8 millóns de euros no proxecto
O mandatario local recalcou que o proxecto inicial fora aprobado e adxudicado en 2005 polo anterior goberno de Manuel Fraga cun orzamento de 6,3 millóns euros, pero nada máis chegar socialistas e nacionalistas á Xunta decidiron paralizar o contrato sen razón algunha e finalmente recortaron o seu presuposto a 4,5 millóns de euros, recorte que operou en contra dos intereses dos veciños e veciñas de San Ciprián.
Obxectivo cumprido
O novo saneamento de San Ciprián constitúe unha promesa electoral firme do Partido Popular de Cervo. O Goberno Municipal vén traballando neste obxectivo desde fai tempo. Afortunadamente, as xestións do Goberno local posibilitaron o desatranco desta importante infraestrutura básica a pesares de todos os obstáculos impostos pola Xunta bipartita.