Nota de prensa:
FERNANDO SUÁREZ AMÓSASE SATISFEITO COA ACOLLIDA QUE ESTÁ A TER ENTRE OS VISITANTES A OITAVA EDICIÓN DO MERCADO DO NADAL.
Ribadeo, 7 de decembro de 2010. O alcalde, Fernando Suárez, amósase satisfeito coa acollida que está a ter entre os visitantes a oitava edición do Mercado do Nadal que continúa aberto no parque de San Francisco ata mañá.
O rexedor sinalou que “a participación está a ser magnífica a pesares do tempo inclemente, nos primeiros días fixo moito frío e despois choveu, pero xa é unha tónica habitual nesta longa ponte este mercado que vimos facendo desde hai oito anos. Tamén é habitual o número importante de visitantes, turistas, xente de Ribadeo, da Mariña, do Occidente asturiano que se achegan a esta cita e da gusto ver o resto de rúas peatonais ateigadas de xente paseando, tomando un viño, un café, entrando no comercio que temos na vila… É un aliciente moi importante este Mercado do Nadal de Ribadeo”.
Suárez Barcia lembrou que o mercado “facémolo desde o Concello, desde a Área de Desenvolvemento Local, coa axuda moi importante da Deputación Provincial de Lugo. Quero voltar a convidar a todas aquelas persoas da Mariña, do Occidente asturiano ou mesmo aos turistas que se atopan de paso, a que aproveiten o resto do día de hoxe e a xornada de mañá para a visitar e comprar neste Mercado do Nadal, é un bó reclamo para vir aquí”.
O Mercado do Nadal de Ribadeo abría as súas portas o venres pasado pola tarde e pechará mañá á noite.