- Xa se coñecen os traballos que resultaron gañadores do certame de narración e debuxo infantil de Cervo convocado con motivo das Letras Galegas
Na categoría ata 8 anos: 1º Paula Martínez, 6 anos. 2º Samuel Riera, 7 anos. 3º Valentina Blanco (5 anos) e Iara Pruneda (7 anos). Empate. Na categoría de 9 a 11 anos: 1º Lily Fernández, 9 anos. 2º Lily Fernández, 9 anos. Na categoría de 12 a 16 anos: 1º Iria Baltar, 12 anos.
- Presentacion do libro “Ángeles Alvariño. Mi estela en los oceános” de Germán Castro Tomé
Terá lugar o venres 23 de maio ás 20,00 horas na sala de exposicións de Regalxunqueira – Viveiro. Ademais do autor participarán a Presidenta do Club de prensa de Ferrol, Julia Diaz Sixto e María José Leira Ambrós, bióloga e sobriña da científica. Serviranse uns petiscos.
- Este martes celebrouse cunha gran afluencia de público un novo "Arruguiñas falando"
Foi baixo o título: Coñece os teus dereitos como consumidor, enmarcado nesta ocasión nunhas xornadas participativas nas que se abordarán neste mes de maio temas moi interesantes para o consumidor baixo o epígrafe "Consumo en Ruta" en colaboración coa Xunta de Galicia e da asoc. Xubilados Terramar. As próximas charlas serán os martes 20 e 27 de maio, no local social da asoc. de Xubilados Terramar, na Casa do Mar.
- Obradoiro de tradición oral das mulleres para celebrar o Día das Letras Galegas na UNED de Lugo
Co gallo do día das Letras Galegas, levarase a cabo un Obradoiro de oralidade das mulleres. Empregaranse as ferramentas do ciclo do ano e ciclo vital e farase percorrido polos cantares de tradición oral e os contextos nos que se producen. Branca Mª Villares Naveira dirixe este obradoiro; ela é docente de música tradicional galega na especialidade de canto e as percusións de man, con mais de 25 anos de bagaxe na investigación, tamén é divulgadora da tradición oral das mulleres galegas. Terá lugar este xoves, día 15 de maio no Salón de Actos do centro ás 16:30 horas. Máis información e matrícula: https://extension.uned.es/actividad/44711&codigo=QCAM
- A Festa das Flores, tamén coñecida como Festa das Fillas de María, vaise celebrar este sábado 17 de maio en Xove, coincidindo co Día das Letras Galegas
Na presentación do cartaz participou o alcalde, Demetrio Salgueiro, acompañado das concelleiras Dolores, Cristina e Tamara e dos membros da Comisión de festas Benigno, Carlos, Borja e Dalmacio. Todxs convidan a veciños/as e visitantes a desfrutar deste día de alegría e facelo vestidxs de branco.
- Celebración das letras galegas na libraría Bahia de Foz
Este xoves 15 de maio, ás 20:30h na Libraría Bahía de Foz celebrarán as letras galegas coa presentación do libro 'Bóveda, memoria do lugar' a cargo do seu autor, Óscar Górriz. Trátase dun libro de recollida etnográfica e musical con textos e fotografías. Haberá tamén música de pandeireta arrufando a presentación. Ademais o venres haberá un 10% de desconto en todos os libros escritos en galego, para celebrar as nosas letras e promover a compra de libros na nosa lingua.
- Volven as rutas guiadas á Mariña no mes de maio
A mañá do domingo 18 Guía tu día organiza a ruta da Seimeira no concello da Pontenova. "Unha interesante andaina de 9km circular e de dificultade media ubicada na parroquia de Bogo, onde descubriranse as pintorescas aldeas de Vilarxurbín e Sanxés, varios miradores e a seimeira. Ademais das Fragas de Teixido e Sanxés que son espectaculares" comenta a guía. A xornada rematará cunha comida no restaurante O Lar de Balbina. O prezo da ruta guiada é de 10€ e 20€ a comida. O grupo está limitado a 20 persoas. Máis información e reservas no 654 99 68 57 ou guiatudia@gmail.com.