Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentouse o novo proxecto museolóxico e museográfico do Museo do Mar de San Cibrao

Nota de prensa:
Encarna Lago, Xerente da Rede de Museos, presentou o novo proxecto museolóxico e museográfico do Museo do Mar de San Cibrao,dirixido por ela, e realizado coa colaboración técnica de Silvia Fiallega Lorenzo e Cristina Barreiro.

“El diseño museográfico

“La exposición de un museo es un texto, es decir, un mensaje

que se expresa en términos visuales. El montaje

de una exposición puede, a través de recursos

museográficos tales como el color, la disposición

de paneles, la iluminación y la escenografía

museal, generar un clima que condicione y

comunique la muestra”.

ROCA, José Ignacio. Proceso de concepción y

realización de un proyecto Museográfico. S.f”

Baixo o título, Museo do Mar de San Cibrao: un Museo para todos entre todos “os facedores de mundos”:

San Cibrao é terra de mar. É unha península, unha lingua de terra que sae sen medo ó encontro do mar. Duro, perigoso, bravo, escravo…, mais tamén unha porta aberta a novos horizontes, incertos mais tamén esperanzadores.

San Cibrao foi berce de facedores de barcos e de homes afoutados, que a bordo deles peneiraron o mar para sacar del os seus froitos e foron quen de navegar ata lonxanos mundos.

Mundos descoñecidos, mundos da memoria, historias senlleiras que forxan o espírito dun pobo. Historias para ser contadas…

O noso Museo do Mar é o seu mellor narrador. Non en van, desde hai máis de corenta anos, este museo, que nunca deixou de ser escola, lévanos da man polo ronsel de pegadas herdadas dos nosos devanceiros: os facedores de mundos.

Levamos áncoras!….sexan todos benvidos a esta a súa casa.

Encarna Lago (Xerente da Rede Museística , responsable do Museo do Mar)

SECCIÓNS:

O museo organízase en un vestíbulo e catro salas, que conteñen sete seccións temáticas. O percorrido será accesible en cada sección. Haberá marcas polo chan e pezas para tocar en cada unha. Asimesmo, contaremos con follas de sala e informacións complementarias en braille e macrotipos.

ENTRADA E SALA 1:

0. A ESCOLA: Un museo de todos, para todos. O LATEXO DO MUSEO: motor do barco e arquivo fotográfico.

SALA 2:

1. A CARPINTERÍA DE RIBEIRA, O CASO DE SAN CIBRAO.

2. TIPOLOXÍA DE BARCOS A VELA CONSTRUIDOS EN SAN CIBRAO.

3. A ARTE DE MAREAR: BUSCANDO O NORTE. Os instrumentos náuticos e a navegación astronómica.

SALA TRES:

4. OS OFICIOS DO MAR.

5. HISTORIA DA PESCA EN SAN CIBRAO: ARTES E APARELLOS DE PESCA.

6. A VIDA MARIÑA, ALGO MÁIS CA PEIXES.

SALA CATRO:

7. OS CAZADORES DE BALEAS.

O MUSEO QUE QUEREMOS

Nos últimos vinte anos vense desenvolvendo no ámbito dos museos a “Nova Museoloxía”, unha corrente que busca a democratización dos valores e dos productos culturais, é dicir, busca o xeito de acercar a cultura a toda a sociedade, independentemente do nivel cultural que posúa ou do estrato social do que proveña. É por isto, que moitos museos desprazaron o seu eixo de acción do obxecto ó visitante, pero, como di o profesor Espinosa, “non a tódolos visitantes”. Este tipo de museoloxía acostuma a esquecer a unha parte importante da nosa sociedade, a formada por aquelas persoas que presentan algún tipo de discapacidade que lles impide gozar con plenitude e en igualdade de condicións, desta experiencia cultural. Poucos son os museos que, hoxe en día, pensan na accesibilidade integral como unha prioridade á hora de investir nas súas novas montaxes.

A Rede Museística Provincial de Lugo leva máis de 10 anos loitando por facer accesibles os seus museos ó público discapacitado. O noso obxectivo é retirar o adxectivo excepcional na aplicación da accesibilidade, e facer dela un factor común a ter en conta na planificación de calquera acción social e cultural.

A cultura é unha experiencia interactiva, nosoutros facemos cultura, e o museo e un instrumento de mediación que ten a responsabilidade de comunicar, de establecer un diálogo co público. Así pois, o novo proxecto deseñado para o Museo Provincial do Mar de San Cibrao pretende seguir esta filosofía e converterse nun modelo de museo aberto a tódolos sentidos, inclusivo, con atención plena á diversidade, que sexa capaz de achegar a súa mensaxe e facer partícipe da súa actividade a tódolos seus visitantes.

O proxecto inclúe medidas para eliminar barreiras de comunicación entre o museo e persoas con calquera tipo de discapacidade visual, sensorial, intelectual ou con calquera tipo de enfermidade mental (disminuidos psíquicos, síndrome de Down, autismo, alzheimer, etc..).

Para o novo proxecto contamos co asesoramento de persoas e asociacións vencelladas coa discapacidade, mais tamén coa total implicación dos veciños de San Cibrao. Quixemos que aqueles que fixeron posible o museo, fosen partícipes activos da nova proposta, contando coa súa colaboración e opinión; xa que a singularidade do Museo de San Cibrao devén do sentir especial que desprende, máis alá das propias funcións que como institución cultural lle corresponden.

Desde o seu nacemento como escola, sempre existiu unha fonda implicación social coa institución. Isto mesmo foi o que fixo da institución o primeiro museo do mar de Galicia de carácter público. Mesmo compatibilizou durante anos ámbalas funcións, como escola durante o inverno e museo polo verán (1969-1988).

O museo constitúe unha icona para a comarca e sobre todo para o pobo de San Cibrao, como elemento esencial da súa identidade.

Por todo o dito, queremos:

Un MUSEO DIDÁCTICO: un museo que debe seguir sendo unha escola, un instrumento para a aprendizaxe e a educación social, un medio para o intercambio recíproco de coñecemento, depositario non só de obxectos sen vida, senón do patrimonio inmaterial, da memoria histórica e das lembranzas que constitúen a identidade dun pobo.

Un MUSEO ADAPTADO: un museo accesible, tanto no discurso como na montaxe expositiva.

Un MUSEO SOCIAL, que estableza un diálogo permanente co seu entorno; un MUSEO DENTRO-FÓRA, que extenda a súa acción fóra dos seus muros e manteña unha conexión viva coa súa orixe sociocomunitaria.

Un MUSEO INTERACTIVO E DINÁMICO, en constante evolución e en continua construcción, que xenere unha sinerxia positiva que faga del o centro gravitacional de novas accións. As novas tecnoloxías de comunicación aportarán unha maior fluidez á conexión do museo co público e ampliará de xeito ilimitado o seu ámbito de acción.

Un MUSEO DO FUTURO: un museo cercano, pero aberto ó mundo. Queremos un museo vivo, humano, un museo no que, en palabras de Georges Henri Riviere, “o éxito non se mida polo número de visitantes que recibe, senón polo número de visitantes ós que ensinou algunha cousa”.

ENTRADA E SALA 1

Sección 0: A escola. Un museo de todos, para todos.

Este edificio naceu para ser escola de San Cibrao no ano 1931, por desexo de D. José Mª Montenegro e da súa muller Dna. Manuela Goñi Maíste, emigrantes na Arxentina. A súa doazón permitiu construír un edificio de pedra de granito, dividida en dúas alas, unha para a escola masculina e outra para a feminina.

A distribución do edificio ven determinada polos seus usos como escola mixta. Tiña dúas portas na fachada que daban acceso, cadansúa, a cada unha das aulas. En cada aula existía unha porta traseira pola que se saía ós patios de recreo, divididos por un muro que separaba o dos nenos do das nenas.

No 1969, o mestre, D. Francisco M. Rivera Casas, e 34 dos seus alumnos convertiron as “Escolas Vellas” nun museo. Entre todos iniciaron un importante traballo de recompilación de obxectos mariños, que hoxe constitúen unha parte esencial dos fondos cos que actualmente conta a colección do Museo do Mar. Esta labor contou, desde a súa xénese, coa plena complicidade da sociedade, interesada en preservar o seu tradicional vencello co mar.

Desde o ano 1994, o museo estivo xestionado pola Asociación de Veciños “Cruz da Venta”. A Deputación Provincial de Lugo, a través do Museo Provincial de Lugo, tomou o relevo na dirección no 2004. Hoxe, é un dos catro museos que conforman a Rede Museística Provincial.

O latexo do museo:

No espazo contiguo, o motor a vapor simboliza o corazón do museo, o latexo rexenerador que enche de vida os rincóns da memoria e nos empurra cara adiante. Neste espazo, os medios audiovisuais serven de canle de comunicación entre o museo e os seus visitantes. É o noso diario de a bordo, onde se recollen as testemuñas gráficas da nosa memoria histórica e se logra humanizar os obxectos que compoñen a colección.

SALA 2:

1. A CARPINTERÍA DE RIBEIRA, O CASO DE SAN CIBRAO.

2. TIPOLOXÍA DE BARCOS A VELA CONSTRUIDOS EN SAN CIBRAO

3. A ARTE DE MAREAR: BUSCANDO O NORTE

Como fío conductor desta sala empregamos a sección da carpintería de ribeira en San Cibrao e as tipoloxías constructivas máis comúns que saíron dos seus asteleiros, exemplarizadas nalgún dos modelos de barcos expostos, réplicas a escala de navíos que tiveron especial relevancia na historia de San Cibrao, como foron o Paca Gómez, O Industrial ou a goleta Sargadelos. (Seccións 1 e 2).

Na sección 3, A ARTE DE MAREAR: BUSCANDO O NORTE, agruparemos os instrumentos de navegación ou instrumentos náuticos, esenciais para entender a evolución da navegación e a magnitude das súas conquistas, que levaron ó home a descubrir novas terras e a ampliar os seus horizontes, tanto os xeográficos como os intelectuais.

Asimesmo, incluímos os fanais e luces de posicionamento dos barcos como elementos significativos para a navegación, cuxa función é a de marcar a ubicación do barco e avisar das manobras durante a marcha.

Reservamos un lugar especial para as pezas procedentes de rescates subacuáticos, como é o caso dos restos do naufraxio da fragata Magdalena e do bergantín Palomo, ocorrido na Ría de Viveiro alá polo ano 1810.

Sección 1.- A CARPINTERÍA DE RIBEIRA, O CASO DE SAN CIBRAO.

San Cibrao conta desde antigo cunha longa estirpe de facedores de barcos. Na “Geografía del Reino de Galicia” (1933), Amor Meilán afirma que no s. XIV xa se construían carabelas nas súas ribeiras.

A puxanza definitiva da construcción naval en San Cibrao veu da man do nacemento do complexo industrial de Sargadelos a finais do s. XVIII. A raíz do incremento do fluxo comercial, tamén aumentou a demanda de construcción de barcos de cabotaxe para o transporte das manufacturas e materias primas que demandaba a fábrica. Deste xeito, nos asteleiros da vila comezaron a construírse embarcacións a vela de grande porte para as rutas máis longas, principalmente goletas e bergantíns (e variantes mixtas de ámbalas dúas), como por exemplo a goleta Sargadelos; e embarcacións con menor capacidade de carga, coma quechemaríns, faluchos ou pataches, para desprazamentos de menor entidade.

Para a pesca facíanse grandes embarcacións de remo, coma os traiñóns ou as chalupas, que se empregaban tanto para a caza da balea coma para a pesca da sardiña.

Os carpinteiros de ribeira buscaban nas fragas ás árbores que máis se axeitaban ós moldes das pezas do barco. Empregábase principalmente a madeira de carballo, máis resistente, para o esquelete do barco (a quilla e as cuadernas), e a de piñeiro ou eucalipto, pola súa flexibilidade, para os banzos do casco. Tradicionalmente, a tala da madeira producíase nos meses de outono ou inverno, coa lúa en cuarto menguante e ó solpor, pois é cando a actividade vexetativa das árbores é menor (teñen menos savia), o que facilitaba o curado da madeira e evitaba que podrecera.

Para a tala empregábanse ferramentas como a machada, o tronzador, a serra de aire, ou a braceira ou portuguesa. Para serrar as pezas usaban as serras, serruchos de punta, serrucho de costela ou cotilla. Para desbastar e alisar a madeira tiñan ferramentas de corte, ben coa folla guiada ou con ela libre: cepillo, garlopa, guillame, xunteira ou rebaixador, acanalador, machihembra, cepillo de moldura, cepillo de voltas, aixolas, formóns ou trenchas, gubias,… Para medir: metro, escuadras, compás, gramil,… Para golpear ou extraer: martelo, mazas, tenazas,… Os berbiquís e os barrenos para furar. Para apretar ou suxeitar, tiñan o barrilete, o gato ou parafuso, as prensas, os sarxentos ou sarxentas…

Unha vez rematado o casco comezaban as labores de calafateado, que consistían en introducir entre os banzos da parte sumerxida do casco (obra viva) cordóns de estopa impregnados en brea, para impermeabilizar a embarcación.

Os paus, o velame e o resto do aparello, armábase despois da botadura, co casco xa a flote.

A vela foi substituída progresivamente pola máquina de vapor, e esta polo motor de explosión ou diésel.

A introducción do ferro para a construcción de barcos de carga de maior tonelaxe, conduciu ó declive das carpinterías, cuxa actividade se viu reducida á construcción de pequenas embarcacións de pesca e á realización de reparacións.

Tiveron unha nova época de esplendor na década dos 60 do século XX, coa eclosión da pesca do bonito.

Sección 2.- TIPOLOXÍA DE BARCOS A VELA CONSTRUIDOS EN SAN CIBRAO.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. BRICBARCA:

Barco de tres ou máis paus, que aparella velas cuadras en tódolos paus excepto no último, que arbola velas de coitelo, xeralmente cangrexas.

BERGANTÍN:

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Buque normalmente de 2 paus, con todo o seu aparello formado por velas cuadras. Caracterizouse pola súa capacidade de desprazamento, gracias á grande superficie vélica que era capaz de despregar. Eran moi veloces e manobrables.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Unha variante do bergantín é o bergantín redondo, que porta 2 paus que arbola velas cuadras no trinquete e no pau maior. Tamén dispón dunha vela cangrexa, ou escandalosa (maricangalla).

BERGANTÍN – GOLETA:

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Navío de 2 ou máis paus que leva un velame mixto entre o de bergantín e o de goleta. Aparella velas cuadras soamente no trinquete e velas de coitelo, xeralmente cangrexas e escandalosas, no resto.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. GOLETA:

Polo regular, tiña 2 ou máis paus da mesma altura e soe aparellar unicamente velame de coitelo.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Xurde no s. XVIII. É capaz de acadar grande velocidade. O aparello de coitelo require menos persoal para a manobra. Soen ser de menor desprazamento cós bergantíns.

Variantes da goleta son:

Goleta de velacho:

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Identifícanse como goletas de velacho aquelas que teñen unha vela cuadra no trinquete. Este elemento dálle máis potencia cando o vento sopra de popa.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Goleta de gavias:

É a que aparella gavias (velas cuadras) na parte alta do pau maior.

QUECHEMARÍN:

Embarcación de pouco porte. Ten dous paus arbolados con velas ó tercio, un pequeno pau de mesana a popa, cun botalón a proa no que se largaban foques, e gavias volantes para despregar cando sopraban ventos frouxos.

PAILEBOTE: o seu nome provén de “pilot boat” ou barco do piloto ou práctico dos portos da costa leste dos USA. O seu aparello adoita ser de goleta, con cangrexas, escandalosas e foques. Xeneralizouse o seu uso no Mediterráneo como barco de comercio.

FALUCHOS: Embarcación de orixe mediterránea, que se usaba principalmente para o cabotaxe, aínda que tamén se empregou para a pesca. Caracterizábase pola súa lixeireza de porte. Armaba dous paus, aparellados con dúas grandes velas latinas (triangulares). Portaba un largo botalón en proa a modo de bauprés, no que largaba un gran foque. A axilidade deste tipo de embarcación, fixo que fose unha das favoritas para o corso durante os períodos de guerra contra Inglaterra.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. GLOSARIO MARIÑEIRO PARA PRINCIPIANTES :

Proa: parte dianteira do barco.

Popa: parte traseira do barco.

Babor: situándonos de cara á proa, parte esquerda do barco.

Estribor: situándonos de cara á proa, parte dereita do barco.

Costados: son os dous lados do casco.

Amuras: partes curvadas dos costados que converxen para formar a proa.

Aletas: partes curvadas dos costados que converxen formando a popa.

Obra viva ou carena: parte do casco que está somerxida.

Obra morta: é a parte do barco que está por riba da auga.

Liña de flotación: é a liña que separa a obra viva da obra morta, é dicir, é a que ven determinada polo nivel da auga respecto do casco.

DIMENSIÓNS DUN BARCO:

Eslora: lonxitude do barco tomada desde a proa ata a popa.

Manga: anchura máxima do barco, de babor a estribor.

Puntal: altura do buque desde a quilla ata a parte superior da liña de cuberta.

Calado: distancia vertical entre a quilla e a liña de flotación. Medida da parte somerxida do barco.

PARTES DO BARCO:

O aparello: nun barco de vela o aparello está constituido polo conxunto que forman a arboladura, a xarcia e as velas:

* Arboladura: está formada polos paus e perchas do barco, que serven para suxeitar e manobrar as velas.

Os paus: cada un dos mastros que serven para soster as perchas utilizadas para largar as velas ou, directamente, as velas mesmas. Os paus principais dun barco acostuman a ser, de proa a popa: trinquete, maior e mesana.

Trinquete: pau máis próximo á proa.

Maior: é o pau principal do barco, o de maior altura.

Mesana: pau máis próximo á popa:

Bauprés: pau que sobresae do casco como unha prolongación da proa e se coloca horizontalmente respecto desta.

Cofa: Meseta colocada horizontalmente no alto dun pau para facilitar a manobra das velas altas e situar los vixías.

* Xarcia: conxunto de cabos que serven para suxeitar ou para manobrar a arboladura e o velamen. Distínguese entre a xarcia firme, que son aqueles cabos fixos que serven para suxeitar ou soster os paus, e a xarcia de labor, e a xarcia de labor, composta polos cabos que se empregan para izar, arriar ou orientar o aparello.
* Velas: son pezas de pano, que suxeitas a un pau ou percha, reciben o vento que permite propulsar a embarcación. Podemos dividir os tipos de vela en dous grandes conxuntos:

As velas cuadras, aparello redondo ou en cruz, que se dispoñen de babor a estribor; e o aparello áurico ou velas de coitelo, que se dispoñen de xeito lonxitudinal, de proa a popa.

PARTES DO CASCO:

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

Casco: corpo do barco sen contar a súa arboladura.

Quilla: peza principal da estructura do casco, situada lonxitudinalmente na súa parte inferior, á que se fixa toda a estructura do barco por medio das cadernas.

Constitúe a columna vertebral do barco.

Cadernas: son as costelas do barco. Teñen forma de U ou de V, e colócanse simetricamente a ámbolos lados da quilla. Rematan na parte alta do costado, dándolle forma e resistencia ó casco. Sobre elas crávanse os banzos do forro.

Vaos: reforzos transversais que unen as cadernas pola parte superior, de babor a estribor, e serven de soporte para as cubertas.
Forro: Revestimento do casco. Tablóns ou banzos, que se cravan sobre as cadernas.

Mamparos: Son os tabiques que dividen o interior do barco.

Borda: Canto superior do costado que sobresae da cuberta.
Temón: pala giratoria instalada na popa nun eixo vertical, unida a un mecanismo en cuberta (desde o s. XVIII, manéxase coa roda do temón), que permite marcar a dirección do barco.

Sección 3.- A “arte de marear”: mirando ó Norte. Os instrumentos náuticos e a navegación astronómica.

O dominio do mar supuxo unha ruptura irrevogable na concepción do mundo, tanto dende o punto de vista da razón como da fe.

Nos albores da Idade Media, o mundo da navegación constituía unha verdadeira arte, a “arte de marear”. Desde a introducción da agulla náutica ou agulla de marear1 no s. XIII, o método empregado foi a navegación a estima, que tomaba como únicos parámetros de referencia o rumbo e a velocidade para determinar a posición aproximada do barco no mar. A velocidade medíase coa corredera, que consistía nunha táboa unida a unha corda de nos, atados a intervalos regulares. Cada certas horas, o piloto botábaa á auga pola popa e deixaba correr a corda durante o tempo que marcada a ampolleta ou reloxo de area (uns 30 segundos), para logo contar os nós (millas2 por hora) e calcular a distancia percorrida.

Estas medicións eran trasladadas ós portulanos ou cartas portulanas, predecesores das actuais cartas náuticas, e que se empregaron ata os ss. XVI e XVII. Sobre elas viñan trazadas unha rede de liñas, que a semellanza da rosa dos ventos do compás, indicaban os rumbos máis axeitados a seguir durante a navegación. Os rumbos calculábanse a ollo, polo que era habitual acumular erros, que na navegación se traducían en millas de máis.

A principios do s. XIV, a combinación da agulla magnética coa rosa dos ventos3 da lugar ó compás náutico, instrumento esencial para a navegación ata case os nosos días. O conxunto completarase coa bitácora, cuxa finalidade inicial era a de protexer o compás das condicións meteorolóxicas adversas e proporcionarlle estabilidade para facilitar a lectura dos rumbos.

O s. XVI constitúe o punto de inflexión na historia da navegación. Comeza a Idade de Ouro dos descubrimentos. As grandes potencias do momento, inician unha carreira sen tregua na procura de novos territorios. A necesidade de consolidar o control sobre estas posesións e de establecer unha comunicación fluída con elas, vai constituir o revulsivo definitivo para o desenvolvemento da navegación como ciencia. Os grandes imperios van investir unha grande parte dos seus esforzos na investigación de novas técnicas e instrumentos de navegación, máis eficientes e exactos cós anteriores. Deste xeito prodúcese a transición á navegación astronómica, que se basea na observación directa da posición dos astros, en relación coa superficie terrestre ou con outros astros, para determinar con precisión as coordenadas (lonxitude e latitude) que permiten establecer a posición do barco nas navegacións de altura, nas que a costa deixa de ser un punto de referencia fiable.

Prodúcese a mellora de instrumentos xa coñecidos na época medieval, como o astrolabio, a ballestilla ou o cuadrante, e dáse paso a outros novos coma o octante ou o sextante (s. XVIII). Empregábanse para tomar medicións angulares da altura do Sol ou da estrela polar ó seu paso polo meridiano con respecto dun punto fixo coma o horizonte, necesarias para o cálculo da Latitude (N – S).

No primeiro terzo do s. XVIII aparece o octante de John Hadley, instrumento que baseaba o seu funcionamento na física da reflexión da luz. Medía alturas de ata 90º. O sextante xurdiu a posteriori coma unha evolución do octante, xa que conseguiu ampliar o ángulo de medida ata os 120º. Asimesmo, incorporaba un sistema de lentes e espellos que permitía superpoñer nun mesmo plano a posición do astro sobre o horizonte. O sextante tamén se empregou para calcular a lonxitude, aplicando o método das distancias lunares, baseado no desprazamento sistemático da Lúa respecto das estrelas. Os resultados carecían da exactitude necesaria para a navegación.

A determinación da lonxitude (E – W) foi o punto feble da navegación ó longo de toda a Idade Moderna. Para determinar con precisión esta coordenada é necesario coñecer en cada momento a hora exacta no lugar onde se atope o barco. Así pois, non será ata ben entrado o s. XVIII cando se atope a solución técnica definitiva para o dilema, coa invención do cronómetro náutico.

Os naufraxios.

As profundidades mariñas gardan nas súas entrañas unha boa parte da historia da humanidade. Algunha das testemuñas máis senlleiras que atoparemos no museo proveñen do naufraxio acontecido en augas da ría de Viveiro, a madrugada do 2 de novembro de 1810. Inmersos en pleno conflicto bélico coa Francia napoleónica, zarpara de Ferrol unha escadra anglo-española ó mando do coñecido guerrilleiro Antonio Renovales, coa misión de controlar algún dos portos estratéxicos do Cantábrico, cando os sorprendeu unha forte galerna. Os que puideron, buscaron abrigo na ría de Viveiro, pero foi demasiado tarde. O temporal arreciou, e os barcos non foron quen de soportar os embates do mar. Entre aqueles barcos atopábanse a fragata Magdalena e o bergantín “Palomo”, cargados de provisións. A fragata “Magdalena” na súa zozobra, embisteu violentamente contra a fragata inglesa “Narcisus”, e acabou encallando e naufragando nos Castelos, os illotes que se franquean a praia de Covas. Na fragata amoreábanse naqueles intres máis de 550 persoas, rescatadas doutras embarcacións asolagadas por mor do temporal. O bergantín “Palomo” embarrancou na praia de Sacido.

A fragata “Santa María Magdalena” medía 41,70 m. de eslora por 10,25 m. de manga, e desprazaba unhas 500 toneladas. Ía artillada en cuberta cunha batería de 18 canóns de 18 libras, ós que había que sumar dous canóns de 6 libras no castelo de proa e 12 obuses no alcázar.

Na traxedia morreron máis dun milleiro de persoas. Tantas foron as víctimas, que as autoridades víronse obrigadas a enterrar os afogados en fosas nas dunas da praia de Covas.

Como lembranza daquel naufraxio, erixiuse, en 1934, o monumento dos Castelos na praia de Covas (Viveiro).

SALA TRES:

4. OS OFICIOS DO MAR.

5. HISTORIA DA PESCA EN SAN CIBRAO: ARTES E APARELLOS DE PESCA.

6. VIDA MARIÑA: ALGO MÁIS CA PEIXES.

Nesta sala tomaremos o caso de San Cibrao como referencia para mostrar, desde o particular ó xeral, a simbiose construída entre os pobos litorais e o seu mar. Desta adaptación ó medio xorden oficios directamente vencellados ás labores de extracción do peixe, á elaboración e procesamento do mesmo ou á súa comercialización, e obxectos asociados a esas tarefas.

o PEIXEIRAS ou PESCANTINAS: bacías, patelas, etc.
o REDEIRAS: agullas de madeira, malleiros, etc.
o CORDELEIROS: instrumentos que permitía a elaboración ou arranxo dos cabos das embarcacións.

Incluímos algunhas das artes de pesca empregadas polos mariñeiros de San Cibrao ó longo da súa historia.

Neste espazo va a chamar especial atención dúas pezas:

o Un traxe de augas completo, de tres pezas (casaca, pantalón faenero e gorro), elaborado ó xeito tradicional, con liño “encascado”.
o Un traiñón ou chalupa baleeira de 3 m. de eslora, aparellado con dúas velas.

Nesta sala é ineludible referirse ó obxecto directo destes traballos: os froitos do mar. Incluímos na mostra unha variada representación da fauna mariña, principalmente, pezas da colección de malacoloxía (un 70 % do total dos fondos do museo), esqueletes totais ou parciais de animais mariños (mandíbulas de quenllas, espadas de peixe espada, esqueletes de golfiños, etc.), animais desecados (tartarugas), corais, fósiles, algas, etc.

Sección 5.- Historia da pesca en San Cibrao: artes e aparellos de pesca e proceso de transformación.

“Hei ven o maio

que trai o tempo bo,

hei ven o maio

para pesca do traiñón.

Hei ven o maio

Viste de señorito,

hei ven o maio

para pesca do bonito”.

Desde a súa xénese, San Cibrao ven mantendo un estreito vencello co mar. Os ritmos socioeconómicos da comarca veñen condicionados polo ritmo das mareas.

A pesca extractiva pasou de ser unha ocupación complementaria da agricultura a converterse no eixo vertebrador ó redor do cal se artellou a economía local. A actividade pesqueira xenerou ó seu redor unha serie de oficios (carpinteiros, cordeleiros, toneleiros, peixeiras, redeiras, etc..), que de xeito directo ou indirecto, ocuparon a unha importante porcentaxe da poboación.

Ata principios do s. XX, a sardiña foi a protagonista. Daquela, existían en San Cibrao tres fábricas de salgadura. Pero xa a partir dos anos 30, o bonito empezou a cobrar importancia. Nos meses de primavera pescábase bocarte ou anchoa. A costeira do bonito ocupaba os meses de verán, e desde o seu remate e ata o inverno íase ó peixe espada e ó marraxo. Nos anos 60, San Cibrao era, despois de Burela, o porto da provincia con máis embarcacións boniteiras. Nestes anos, a comarca viviu una crise no sector pesqueiro, polo que moitos mariñeiros cambiaron a pesca pola navegación comercial, a mariña mercante.

De seguido pasamos a describir brevemente as artes de pesca de uso máis frecuente no noso litoral. Podemos establecer unha primeira división entre as artes de rede e as de anzol.

As de rede subdivídense á súa vez en:

* FIXAS: son panos de rede que se calan verticalmente por medio de áncoras ou plomadas na súa parte inferior, e cunha liña de cortizas ou flotadores na superior. Poden ir fixadas ó fondo ou entre augas.

Volanta:

Esta arte está documentada no noso litoral desde principios do s. XVI. Está composta dun único pano que pode acadar os 8 km de lonxitude. Lárgase ó fondo para a captura de especies maiores, coma a pescada, a robaliza ou o ollomol.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Trasmallo:

Formada por tres panos de rede superpostos, os exteriores coa malla máis grande que a interior. Cálase ó fondo, para capturar especies de rocha, como a faneca ou o congro.

Beta ou volantilla:

É parecida á volanta, pero máis pequena tanto no tamaño como na malla. Emprégase para a pesca de pescada, faneca, meigas, sargos, etc..

Rascos:

Arte de fondo de malla grande, que tanto se pode empregar para a captura de mariscos (lagosta, centola, boi, etc.) como de peixe (peixe sapo, raias, rodaballos, etc.)

* DE DERIVA: técnica de enmalle mediante a flotación ou deriva dos panos de rede.

Xeito:

Arte que tradicionalmente se empregou para a pesca da sardiña. No s. XVII os panos fabricábanse en liño coa malla moi pequena. É unha arte de superficie.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

* DE CERCO: artes adicadas á captura de especies peláxicas, como a sardiña ou o xurelo. O aparello lárgase ó redor do cardume, para despois pechar a arte por abaixo cunha corda ou xareta, formado así un embolsamento do peixe.

Traíña:

No s. XVII, a traíña estaba formada pola aportación de panos ou quiñóns dos pescadores. O resultado era unha rede rectangular. Largábase desde a costa e logo tirábase polo outro extremo desde unha embarcación, unha traíña ou un trincado, ata formar un cerco sobre o banco de peixe.

Terrafa ou terrafiña:

Arte empregada desde a aparición dos barcos de vapor.

* DE COPO OU DE ARRASTRE: os panos de rede forman unha especie de saco pechado que é arrastrado por unha ou máis embarcacións. O arrastre pode ser de fondo (bentónico) ou entre dúas augas (peláxico).

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

Xávega:

A xávega foi introducida en Galicia polos fomentadores cataláns. O seu uso xerou conflictos nas comunidades mariñeiras, por consideralas depredadoras en exceso. Consistía nunha rede de cope que se largaba desde terra, e polo outro cabo sacábase mar a dentro. A pesca cobrábase desde terra, ben con tracción humana ou ben coa axuda de animais de tiro.

Rapeta:

Arte de uso común no noso litoral desde a Idade Moderna. Tamén coñecida como sacada pequena, traíña menor ou rapeta de traíña, caracterizábase por non ter cope.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Boliche ou chinchorro:

De ampla difusión na segunda metade do s. XVII, polo seu fácil manexo, xa que ó ser máis pequeno cá traíña podía empregarse en espazos máis reducidos, normalmente para a pesca da sardiña.

Na actualidade, ten unhas dimensións de 40 m. de longo por 10 m. de alto. Está formado por dúas pernas e un cope ou saco.

Na Idade Moderna as redes e cordas fabricábanse en cánabo ou liño e, posteriormente, en fío de algodón. Para proporcionarlles resistencia, as redes debían ser “encascadas”. O encascado consistía en ferver as redes en caldeiras ás que se engadía cortiza de salgueiro, carballo ou piñeiro. Unha vez escaldadas, as redes estendíanse sobre uns maseiros ou artesas, onde se vertía a auga da caldeira, tinguida polo efecto das cortizas. Desta forma, dábaselle cor ós panos.

DE ANZOL:

Liñas:

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Consiste nunha sedela ou tanza enrolado ó redor dun bastidor de cortiza (sirgo) ou madeira (gradella). No extremo, a liña ten un chumbo, e un ou varios anzois.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Palangre:

Está formada por unha liña nai na que se empatan outros máis curtos nos que van pendurados os anzois. O palangre pode ser de fondo, para a captura de especies como a pescada ou o congro; ou de superficie, para a pesca de especies peláxicas como o atún, o marraxo ou o peixe espada.

Curricán:

O curricán é a arte que se emprega na Mariña de Lugo para a pesca do bonito. Suxéitanse unhas longas varas ós costados do barco, das cales van enganchadas as sedelas, ou brazolas, e ós seus extremos os anzois. Esta arte traballa á cacea, é dicir, co barco en movemento. Ata fai pouco tempo, o engado facíase con folla de millo branqueada, e peiteada con cepillos de arame para convertela en hebras.

Poteiras:

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Está formado por un chumbo, recuberto con fíos de cores, e rematado pola súa parte inferior cunha coroa de pequenos anzois. Úsase para a captura de luras ou chocos.

Para a captura do polbo e dalgún marisco, empréganse as NASAS. Son unha especie de gaiolas ou trampas, provistas dunha abertura ou boca en forma de funil, que facilita a entrada da presa e impide a súa saída. Están feitas de materiais diversos, principalmente de madeira, vimbio ou metal. A súa forma varía en función da especie a capturar (nécora, lagosta, camarón, faneca, polbo, etc.). É unha arte de fondo.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.
Ademais da pesca, o MARISQUEO é outra das actividades relevantes do sector. O marisqueo pódese realizar a pe ou desde unha embarcación (marisqueo a flote). A continuación pasaremos a describir algúns dos aparellos empregados nesta actividade:

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Sacho: semellante ó que se emprega na agricultura, Server para remover a area na busca da ameixa, chirla, etc.

Angazo: especie de enciño que se emprega para a recollida de berberecho, ameixa, coquina, etc.

Rasqueta: é como unha espátula que serve para arrancar da rocha os percebes ou os mexillóns.

Rastro: emprégase desde unha embarcación para a captura de ameixa, berberechos, etc. Está composto por un enciño ó que se lle engade un copo de rede, e todo o conxunto vai unido a unha vara dunha medida axeitada á profundidade que se queira traballar.

Raño e gancha: semellante ó rastro, pero substitúen o copo por unha rella metálica. Son máis lixeiros e resultan máis fáciles de manexar.

Can ou endeño: arte de arrastre, xa que debido ó seu maior tamaño ten que botarse á auga e logo vai sendo arrastrado pola embarcación. Está permitido en fondos superiores a 20 m. úsase para especies como a vieira ou a ameixa.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

Existen tamén algúns aparellos auxiliares, útiles tanto para a pesca como para o marisqueo:

Trueiro: formado por unha vara á que vai unido un aro ó que se lle incorpora unha bolsa de rede.

Tina ou espello: caixa de madeira cun cristal no fondo que permite ver o fondo mariño a curta distancia (ata 3 m.). úsase na captura de centola ou do ourizo.

Bicheiro: vara cun gancho de ferro nun dos extremos que serve tanto para a pesca como para enganchar cabos ou acercar a embarcación a terra.
SALA CATRO:

Os restos óseos das baleas son as protagonistas desta sala. Foron recollidos nas inmediacións das praias de San Cibrao, en especial na de Cubelas, nas que se procesaban os cetáceos cazados nos ss. XVI-XVII.

Xa no s. XX, a caza da balea volveu a ser unha fonte de recursos destacada para a economía de local. A familia Massó, unha das principais sagas conserveiras de Galicia, instalaron unha das súas factorías baleeiras en Morás (Xove).

Sección 7.- OS CAZADORES DE BALEAS

A caza da balea xa está documentada nos portos vascos desde o s. XII. No s. XIV, unha crise nas capturas, fixo que os baleeiros vascos, especialmente guipuscoanos e biscaíños, tivesen que buscar novos asentamentos, nun principio temporais, circunstancia que fixo que esta tradición se fose desprazando progresivamente ó longo da cornixa cantábrica.

En Galicia, a industria baleeira tivo o seu apoxeo entre os ss. XVI e XVII. As bases baleeiras de meirande importancia localizábanse na Mariña Lucense, nos portos de Rinlo, Foz, Nois, Burela, San Cibrao e Bares. No litoral atlántico, sólo os portos de Caión e Malpica desenvolveron con éxito esta pesquería.

O sistema de caza tamén foi importado da tradición vasca:

“Mátanas da seguinte maneira: sóbese unha atalaia á punta dunha serra que cae sobre o mar e de alí ven de lonxe saltar gran cantidade de auga para arriba facendo moita escuma, e cando a balea ten a metade do corpo fóra da auga, a atalaia dá aviso ós mariñeiros, os cales armando as súas barcas e poñendo dentro moita cantidade de cordas e nos cabos atados uns dardos arpoados vanse a elas, e tirándolles como se senten feridas van logo moi bravas mar a dentro; levando metidos aqueles arpóns e os pescadores dándolles sempre corda séguenas ata que xa desangradas e perdida aquela furia tráenas tirando delas ata terra, onde facendo grandes lumes sacan delas moito aceite”.

(Bartolomé Sagrario de Molina, Ldo. Molina, Descrición del Reino de Galicia y de las cosas notables del)

As mandas de cetáceos, principalmente a balea vasca (Eubalaena glacialis ou Eubalaena Biscayensis), abeirábanse polo Cantábrico no seu roteiro migratorio desde o Atlántico Norte, entre os meses de outubro e marzo. Nesta época, a frota, integrada por unha chalupa principal e outras auxiliares, tiñan o aparello preparado para saír ó mar en canto o atalieiro dese aviso de balea. As chalupas galegas medían entre 6 e 8,5 m. de eslora e portaban dous paus coas súas correspondentes velas. A tripulación estaba composta por oito ou nove homes. O animal era enganchado cun arpón de ferro, coa punta en forma de frecha. Para esgotala acometíana coas sangradeiras ou chabolíns, semellantes ó arpón pero coa folla lanceolada, destinadas a desangrar ó animal. Ámbolos aparellos ían atados a unha estacha (corda de cánabo).

Unha vez morta, a balea era trincada (atada) entre varias embarcacións e levada ata terra para o seu despezamento. Para tal fin usábanse diferentes tipos de coitelos (trinchante, coitelos de man, machetas, coitelos a dous fíos, etc.).

A graxa da balea ou saín era derretida xeralmente na mesma praia ou nas súas proximidades, en grandes caldeiras, para despois ser envasada en barricas para a súa comercialización. O aceite obtido empregábase como combustible para as lámpadas ou para o carenado das embarcacións. Co tempo fóronselle atopando novos usos: facíase margarina, xabóns, vernices, empregábase en perfumería e en farmacia, etc.

Coas barbas da balea, ou fanóns, facíanse variñas para paraugas, corsés ou abanos, para os escanciadores de viño, bucinas, etc. Da cabeza do cachalote (Physeter macrocephalus) extráese o espermaceti ou esperma de balea, un fluído que antigamente se usaba como aceite de buxías e na actualidade serve para a elaboración de cosméticos e productos farmacéuticos.

En portos coma os de San Cibrao, Foz ou Burela, na primeira metade do s. XVII, a industria baleeira deu lugar a un productivo intercambio comercial co resto da área cantábrica, que chegou incluso ata Francia.

Entre finais do s. XVII e principios do XVIII produciuse a decadencia definitiva da caza da balea nas nosas costas. Non sería ata 1965 cando as baleas voltarían a cobrar protagonismo na vida de San Cibrao, cando a empresa conserveira Massó instalou unha das súas factorías no Portiño de Morás (Xove). A factoría contaba cunhas modernas instalacións que permitían o completo procesado da balea, para a obtención e envasado de aceites e fariñas, e tamén para a preparación da carne para o consumo. As capturas efectuábanse desde barcos baleeiros, coma o “Carrumeiro” ou o “Cabo Moras”, armados con canóns arpoeiros armados na súa proa.

Pechou as súas portas no 1976, pouco antes da declaración da moratoria internacional á caza comercial de baleas (1986).

Hoxe en día, eses terreos están ocupados pola factoría alumineira Alcoa, un dos piares básicos da economía da zona.

Exit mobile version