Nota de prensa
PERSOAL DA XUNTA ULTIMA OS TRABALLOS DE LIMPEZA DA LU-862 AO SEU PASO POR VIVEIRO PARA NORMALIZAR A CIRCULACIÓN ESTA TARDE
* A delegada territorial, Raquel Arias, comprobou in situ na mañá de hoxe os traballos levados a cabo para regularizar o tránsito tralos desprendementos acontecidos nas últimas horas por mor das fortes choivas na zona
Viveiro, 23 de decembro de 2010.- Persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas traballa dende a tarde de onte para normalizar o estado da estrada LU-862 tralos dous desprendementos que se produciron en sendos puntos da vía ao seu paso por Viveiro. A estrada permanece aberta ao tráfico, dado que os derrubamentos só obrigaron a peches parciais, que durante a xornada de hoxe afectaron a un dos carrís da estrada.
Neste momento a calzada está libre de material, e ao longo da tarde está previsto rematar coas labores de limpeza e retirada de escombros da cuneta para deixar a vía en perfecto estado e os dous carrís dos que dispón a carretera en uso.
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, desprazouse ata a localidade de Viveiro para comprobar in situ o estado da vía LU-862 (Ferrol-San Cibrao) despois dos desprendementos ocorridos nas últimas horas a causa das fortes choivas.
O primeiro dos desprendementos ocorreu na tarde de onte no punto quilométrico 92, preto do Alto do Cruceiro. Foi o de maior incidencia, xa que impediu a circulación durante unhas horas. O persoal de conservación de estradas da Xunta de Galicia respondeu con prontitude á emerxencia, logrando restablecer a normalidade na calzada xa de madrugada.
En torno á 1.30 horas da madrugada desprazáronse a un novo punto conflitivo, ao ter coñecemento a Consellería de que tivera lugar outro derrubamento na mesma estrada, neste caso preto da saída da localidade de Viveiro, na marxe dereita da vía.
Nesta ocasión non foi preciso impedir a circulación de vehículos, xa que en todo momento permaneceu aberto un dos dous carrís. No primeiro momento os operarios retiraron os escombros da calzada, labor que remataron a primeira hora da madrugada, retomando esta mañá os traballos de limpeza nas marxes da estrada.
Raquel Arias subliñou “a dilixencia coa que actuaron os servizos da consellería”, adoptando as medidas de seguridade precisas para o tráfico e restablecendo a normalidade en apenas unhas horas.