Teño, dende fai tempo, recompilado un feixe de tópicos tan comúns como ridículos e tristes que forman parte do onte e do hoxe, tópicos que cando se pronuncian e coa intención de facer o máximo dano posible, exentos de criterio, de ética e estética e de tino. Moitos deles molestaranvos e farán que se vos revolvan as tripas… a min ocorreume tamén, pero creo que é xusto observar como a linguaxe pode servir de arma arroxadiza e ter o fin exclusivo de destruír, de humillar, de ridiculizar… aínda que se empregue a mentira para iso.
Hai tópicos para todos os gustos, eu optei por clasificalos por grupos o mellor posible. Atopamos deste xeito un amplo abanico conformado por tópicos sexistas do tipo: as mulleres non saben conducir, e de feito só serven para coidar aos críos e limpar a casa. Claro que peor son as louras, pois son todas bobas. Os homes, por certo, carecemos de sensibilidade, somos todos uns boutaros e pensamos no sexo unicamente, albergando no noso membro o pequeno cerebro que posuímos (salvo os cachas, que son bobos do bote). No que se poñen uns e outros de acordo case sempre, é en que as mulleres que están con moitos homes son unhas lagartas, pero nós, os homes se estamos con moitas mulleres, somos uns tigres de bengala. Quizá sexa porque, segundo din, elas maduran antes que nós.
Os tópicos xeográficos pretenden ser a miúdo tan perversos como estes … Ti seica non oíches que África empeza nos Perineos? O que seguro que escoitariades é que os cataláns son “agarrados” co diñeiro e uns polacos, que os madrileños son uns chulos, os vascos brutos, os galegos aburridos, os andaluces son vagos e festeiros… en definitiva, burradas de todo tipo que se fan máis crueis si se concreta aínda máis, pois para algúns os granadinos son antipáticos (xa sabedes, a tradicional “mala follá”), os sevillanos van de graciosos, e Xerez anda chea de señoritos e Cádiz de maricóns .
De todos os xeitos isto alcanza tintes internacionais cando nos explican que os ingleses son uns piratas, os mouros son porcos, os franceses uns guarros (por iso inventaron os perfumes), que os alemáns son uns cabezas-cadrada, os xudeus unhas urracas avariciosas, os palestinos uns nazis antisemitas, os negros téñena grande pero son unha raza inferior, todos os yankis son uns imperialistas, os rusos uns comunistas chafalleiros e bebedores de vodka…
Tamén hai tópicos laborais: os funcionarios non dan pau ao auga (contra o profesorado hai centos de tópicos), os políticos son todos uns ladróns, a xente do teatro é moi liberal sexualmente falando, e os militares uns fachas. Os modistos e os perruqueiros son homosexuais, os artistas están tolos e sempre andan nas minchas, etc.
Ata hai tópicos relixiosos. Non escoitou ninguén que masturbarse deixa cego? Ou que practicar o sexo sen a idea de concibir fillos é pecado e lévache ao inferno de cabeza (onde ao parecer espéranos os ateos, que son uns seres do demo, como os comunistas… e tamén os rusos polo tanto?). Por suposto, para moitos relixiosos e xente do pobo, os homosexuais son uns invertidos… aínda que polo da xente do pobo non debería a pena preocuparse moito, pois o tópico di que son todos uns catetos. Ou como dicen en Viveiro “Xente da aldea, tropa do carallo”.
Non se libra nin o fútbol, no que o Real Madrid é o equipo do Goberno, e sen dúbida o favorito de Franco. Do mesmo xeito que o Barça é o equipo da Generalitat, e para máis acenos, o preferido de Pujol.
En fin, como puidestes ver, toda unha lista de sandeces sen pés nin cabeza dedicadas a cultivar a xenofobia, a discriminación, o odio en xeral entre as persoas… claro, que quizá a min non hai que facerme caso, pois hai quen segue os tópicos e pode pensar que, como se di da xente coma min, son un inadaptado social e un bicho raro…
Otero Regal