Nota de prensa:
O debate tivo lugar esta mañá na Comisión de Sanidade e Política Social da Cámara galega
O GRUPO POPULAR INSTÁ Á XUNTA A DETERMINAR AS CARACTERÍSTICAS DA FUTURA RESIDENCIA CON CENTRO DE DÍA DE FOZ
o O PPdeG asegura que a Xunta actual cumprirá e iniciará os trámites para dotar a Foz desta infraestrutura de benestar que o bipartito negou aos veciños durante a pasada lexislatura pese a tela prometida en múltiples ocasións
o O deputado popular José Manuel Balseiro asegurou que tras catro anos de Goberno bipartito “non deixaron nin financiamento nin proxecto algún para crear esta residencia”
Santiago, 13 de decembro de 2010.- O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia, a proposta do Partido Popular, a que elabore un estudo para determinar as características da futura residencia con centro de día de Foz. O acordo final acadado no seo da Comisión de Sanidade celebrado esta mañá, asegura na súa literalidade que en función do resultado deste informe o Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo debe impulsar os trámites necesarios para a execución desta residencia á maior brevidade posible.
PLANIFICACIÓN E RIGOR
Os populares defenderon que hoxe a Xunta de Galicia, a diferenza do acontecido no pasado, debe traballar con planificación e rigor. Por iso na iniciativa o PPdeG pide á Administración autonómica que leve adiante as xestións necesarias para analizar os diferentes ratios de cobertura e determinar que servizos de atención sociosanitaria e xeriátrica deben poñerse en marcha, así como as prestacións e características dos que disporá a futura residencia. O obxectivo final é que no ámbito específico do Concello de Foz poida desenvolverse unha nova infraestrutura residencial con centro de día que durante a pasada lexislatura prometeu pero non construíu a Xunta bipartita.
O BIPARTITO INCUMPRIU
O deputado popular Jose Manuel Balseiro insistiu en que de feito será un Goberno do Partido Popular o que iniciará os trámites para dotar a Foz desta infraestrutura de benestar que o bipartito negou aos veciños de Foz durante a pasada lexislatura, pese a tela prometida en múltiples ocasións. O deputado popular lembrou que tras catro anos de bipartito non deixaron nin financiamento nin proxecto algún para crear esta residencia en Foz “Nin destinaron un só euro, nin foron quen de elaborar o proxecto de construcción da residencia”. O único trámite oficial que consta no Consorcio de Benestar é a cesión dos terreos por parte do Concello á Xunta, algo que ademais o executivo local demorou durante catro meses e comunicou en período preelectoral na véspera do cambio de Goberno.
Cómpre sinalar finalmente que socialistas e nacionalistas opuxéronse a esta iniciativa.